ConcellosÚltima hora

Manzaneda mobilízase ante a supresión da cociña do seu colexio

Ao redor de 200 persoas participaban na merenda protesta convocada na tarde do pola ANPA deste CEIP na tarde do 18 de xuño

“Comida sana si, catering non”. “Os nenos do rural tamén teñen dereitos”. Eran algunhas das consignas coreadas no decurso da merenda protesta convocada pola ANPA do CEIP de Manzaneda e na que participaban unhas 200 persoas. Diante do centro escolar recreábase un comedor en cuxos pratos se servía penso para cans, no canto de comida. Deste xeito, dende esta asociación quería amosarse o seu rexeitamento á intención da Consellería de Educación de suprimir o servizo de comedor neste centro. Fronte ao penso, que representaba a comida de catering, expoñíase un elaborado bodegón de alimentos de calidade da zona, entre eles hortalizas e verduras frescas.

“Ata o día de hoxe o comedor estaba xestionado directamente pola consellería, o que significaba que era un cociñeiro quen facía a comida para os rapaces, pero para o vindeiro curso polo visto imos pasar a ter unha xestión indirecta que vai ser un servizo de catering o que servirá a comida aos nenos. Ante o cal a totalidade dos pais nos opoñemos porque coñecemos a experiencia doutras escolas e sabemos que non é positiva. Así que temos que ser moi fortes e ter moi claro que as cousas poden parecer difíciles, pero que se nos unimos, conséguense”, aseguraba a voceira da ANPA de Manzaneda durante o acto. Tamén facía fincapé en que “a nosa escola contaba con 13 alumnos e agora somos 22, é dicir, estamos medrando e esperamos que a consellería teña isto en conta”.

Neste senso dende a ANPA anunciábase que teñen previsto con representantes da consellería na mañá do vindeiro venres día 20 de xuño. “Esperamos que reflexionen sobre o noso caso e nos teñan en conta”, indicaban.

Nesta merenda protesta a ANPA do CEIP de Manzaneda agradeceu a presenza de veciños deste concello e tamén doutros municipios limítrofes como Trives, así como o apoio de ANPAs doutros centros como os de Vilariño de Conso e Castro Caldelas. Ademais estase a levar a cabo unha recollida de sinaturas de apoio e agora mesmo teñen xa unhas 900.

Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na vindeira edición do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button