En portadaÚltima hora

Manzaneda organiza o I Congreso Galego de Neve e Montaña

Terá lugar o 9 e o 10 de abril na estación de montaña e sera organizado polo Concello de Manzaneda e pola agrupación de Protección Civil deste municipio

Seguridade, deporte, natureza e desenvolvemento sostible. Ao redor deses termos desenvolverase o programa do “I Congreso Galego de Neve e Montaña. Integrando seguridade, deportes, natureza e desenrolo sostible”, que se celebrará os días 9 e 10 de abril en Manzaneda e no que participarán oito expertos. Así o destacaba o alcalde deste concello ouernsán, David Rodríguez, promotor da iniciativa xunto coa agrupación de voluntarios de Protección Civil de Manzaneda.

“Os concellos non somos meros adminsitradores, temos que diversificar, debemos apostar polo rural e fixar poboación. En Manzaneda estamos apostando polo agro, pola gandeiría pero tamén polo noso patrimonio, natural e cultural, e tamén desestacionalizando o turismo con rutas de sendeirismo e coa neve, xa que contamos coa única estación de montaña de Galicia”, sinalaba o rexedor na presentación do congreso, que tiña lugar na mañá do 3 de marzo no Barco.

Ao seu carón estaba o doutor Antonio Ulloa, coordinador do congreso e docente de cursos de búsqueda e salvamento en montaña, desgranaba os contidos do programa, que “pretende abordar de manera multidisciplinar a problemática das actividades deportivas, pero tamén laborais e económicas, desenvolvidas nas zonas de montaña nas que é frecuente, ou cando menos destacable, a presenza da neve”.

O escenario do congreso serán as instalación da Estación de Montaña Oca Nova Manzaneda. A ponencia inaugural correrá a cargo de Laura Rodríguez, campiona de España de esquí alpino 2008, e levará por título “Deportes de inverno: por unha práctica responsable e segura”. De seguido Tino Núñez, guía de escalada, falará sobre “cómo mellorar a seguridade nos deportes en montaña”, mentres que o doutor Antonio Ulloa centrarase na seguinte conferencia na “intervención e asistencia sanitaria urxente nos accidentes en montaña”. A mañá do 9 de abril continuará coa conferencia “Búsqueda e rescate de desaparecidos en montaña” da man de José Manuel García (ex GREIM e voluntario de Protección Civil de Barco de Ávila) e cunha mesa redonda. Deste xeito pecharase o primeiro bloque temático deste foro: seguridade e deporte.

Pola tarde afrontarase unha nova temática: natureza e desenvolvemento sostible. Encetarase da man do alcalde de Manzaneda, David Rodríguez, coa ponencia “Concello de Manzaneda: pioneiro no fomento da formación, o turismo e o desenvolvemento sostible”. De seguido, Olivier Reboredo, xefe provincial de Emerxencias, falará sobre o “Mapa Provincial de Emerxencias. Parque, GES, AVPC. Evolución histórica e situación actual”. Asemade Santiago Salsón, meteorólogo e coordinador da área de climatoloxía de MeteoGalicia, abordará a “meteoroloxía como condicionante do aproveitamento e rendabilidade dunha estación de esquí”. A derradeira das conferencias será sobre os deportes de inverno como dinamizadores do desenvolvemento económico e social dunha comarca”. A sesión da tarde pecharase cunha mesa redonda moderada polo alcalde de Manzaneda.

A segunda xornada do congreso, a do 10 de abril, terá un carácter práctico e enfocarase a obradoiros e simulacros. Así impartiranse un total de catro obradoiros: manexo dos dispositivos de seguridade en neve, nos útiles nos deportes de montaña, técnicas de inmobilización e traslado con recursos de fortuna (impartido por Protección Civil de Manzaneda) e mantemento de equipos de aire comprimido.

En canto aos simulacros, que tamén se farán na estación de montaña de manzaneda, consistirán na evacuación dun accidentado nunha pista de esquí (da man do esquipo de pisters da estación) e búsqueda con can de avalanchas (grupo de cans de Rescate da Estrada).

Ao longo do congreso poderá asemade visitarse unha exposición de material deportivo, de seguridade e emerxencias. Este congreso vai dirixido ao público en xeral o prezo de inscrición é de 95 euros por persoa, mentres que se fai unha inscrición conxunta o prezo é de 75 euros por persoa. Para ampliar información ou inscribirse, os interesados poden enviar un correo electrónico a cleperez@hotmail.com.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button