En portadaÚltima hora

Manzaneda, primeiro concello ourensán en regular os bautismos civís

A ordenanza aprobábase en pleno en febreiro e vén de publicarse no BOP

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP) vén de publicar o anuncio de aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora do “Bautismo Civil ou Cerimonia de Benvida Social ao concello” de Manzaneda, cuxo alcalde é David Rodríguez de Anova. Tras a súa publicación sométese o expediente a información pública para que poida ser examinado ou podan presentarse alegacións.

Exterior do Concello de Manzaneda.
Exterior do Concello de Manzaneda.

Esta ordenanza resultaba aprobada na sesión plenaria celebrada o pasado 2 de febreiro no Concello de Manzaneda. Deste xeito, Manzaneda convértese “no primeiro concello da provincia de Ourense en contar cunha regulación sobre os actos laicos de benvida á comunidade”, tal e como se destaca dende Anova.

O bautismo civil, laico ou republicano consiste nun acto de benvida á comunidade dun novo membro, que adquire unha serie de obrigas e dereitos. A cerimonia civil de outorgamento da carta de cidadanía compromete a pais, padriños ou titores a defender os dereitos do pequeno. Esta cerimonia está pensada para nenos ata os 6 anos.

Este bautismo civil, tamén denominado laico ou republicano, foi creado en Francia, en tempos da República, para contrapor ao acto relixioso un de carácter civil. Esta actitude foi a orixe do bautismo civil (Estrasburgo, 1790).

bebe

Na comunidade galega existen actualmente outros concellos onde xa está regulado o bautismo civil, segundo Anova: Guitiriz, Marín, Redondela e Oleiros, que foi o pioneiro en Galiza en 2008. Agora Manzaneda súmase a esa listaxe, sendo ademais o primeiro municipio ourensán que regula esta cerimonia.

No caso de que no prazo de exposición pública (de 30 días) non se presenten alegacións, esta ordenanza considerarase aprobada definitivamente.

Artigos relacionados

Back to top button