OurenseÚltima hora

“Mar de Terra”, o documental de Kepa Junkera sobre o Entroido galego, proxectarase no FIC Vía XIV de Verín

Na terceira edición deste festival tamén se lle renderá homenaxe á carreira do actor galego Antonio Durán “Morris”
Kepa Junkera tocando a trikititxa co folión de Vilariño de Conso, durante a rodaxe do documental./ Foto: Carlos G. Hervella.

Polo corazón do Entroido galego máis ancestral transita o documental Mar de Terra, que leva a sinatura do músico vasco Kepa Junquera. Este filme poderá verse dentro da programación parela do Festival Internacional de Curtas de Verín (FIC Vía XIV), que se celebrará do 1 ao 9 de decembro.

A modo de road movie este traballo, rodado entre febreiro e maio deste ano, achega, dende a mirada de Junkera como se vive e se sente esta anterga celebración de inverno en lugares como Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda, Xinzo, Laza ou Verín, na provincia de Ourense, así como en Salcedo e Santiago de Arriba (Chantada) na de Lugo. Está dirixido polo realizador ourensán José Antonio Blanco e do seu equipo tamén forman parte Rubén Cao e Javier Torquati Díaz.

Junkera entrelaza a música (xa sexa tocando a trikititxa, alboca ou a pandeireta) de xeito natural e espontáneo co ritmo e ritualidade destes Entroidos, mentres conversa cos protagonistas e retrata a súa singularidade, sempre dende unha mirada persoal e dende a vivencia en primeira persoa. No FIC Vía XIV poderase de desfrutar deste documental, que será exhibido tamén no acto inaugural do Festival de Cine de Ourense a finais de novembro.

 

Homenaxe a “Morris”

A programación paralela do FIC Vía XIV completarase cunha breve homenaxe á carreira do ator galego Antonio Durán “Morris”, un dos máis recoñecibles para o gran público grazas a súa participación en máis de 20 longametraxes e máis de media ducia de curtas. O actor desprazarase tamén ata Verín para participar nun encontro co público que se desenvolverá no marco do certame.

O FIC Vía XVIII repasará algún dos traballos máis sobranceiros da súa traxectoria coma a curta Unary ou a recente Dhogs, a longametraxe con maior número de premios Mestre Mateo. Os espectadores terán tamén a oportunidade de visionar outro dos seus traballos: La estación violenta.

Ademais outras das actividades paralelas do certame ten como obxectivo divulgar o traballo que realiza B´Tselem, o Centro de Información Israelí para os Dereitos Humanos nos Territorios Ocupados, que leva máis de 25 anos documentando e publicitando as violacións de dereitos civís que se producen na zona e esixindo a fin da ocupación.

Artigos relacionados

Back to top button