PolíticaÚltima hora

Marcha socialista “Un millón de pasos” para pedir un reparto “obxectivo dos fondos da Deputación de Ourense”

Os 9 deputados provinciais do PSdeG-PSOE, entre eles Aurentino Alonso, concelleiro do Barco;iniciaban esta tarde unha andaina que concluirá dentro de cinco días en Madrid

Os deputados provinciais que farán a marcha, xusto antes de iniciala, en Ourense./ Cedida.

 

Por diante unha peregrinación de 500 quilómetros ata Madrid. O obxectivo esixir un “reparto xusto, equitativo e democrático dos fondos públicos da Deputación Provincial presidida por Manuel Baltar”. Os nove deputados provinciais do PSdeG-PSOE iniciaban neste mércores ás catro da tarde a marcha “un millón de pasos por Ourense”.

Partían ás 16 horas desde a contorna do Pazo Provincial, onde estiveron acompañados de alcaldes e alcaldesas ourensáns; de deputados autonómicos e nacionais; do senador por Ourense; de concelleiros e de representantes das outras tres provincias galegas. Asistiron Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, deputada e membro da executiva provincial do PSdeG-PSOE da Coruña; Pablo Rivera Capón, deputado provincial en Lugo e Carlos López Font, voceiro e deputado provincial en Pontevedra.

Os representantes socialistas camiñarán en quendas as 24 horas do día, durante cinco xornadas, co fin de chegar á capital española o luns 15 de novembro, xusto antes do Debate do Estado da Provincia que terá lugar ao día seguinte. Durante o percorrido manterán encontros con cargos do PSOE en Castela e León e a súa chegada a Madrid visitarán institucións estatais, buscando pedir apoio ante a actitude do goberno presidido por Baltar, “onde 9 de cada 10 euros acaban en mans de municipios gobernados polo PP”, segundo os socialistas.

 

O deputado e concelleiro do Barco, Aurentino Alonso, explicando esta mañá as motivacións e obxectivos desta iniciativa, xunto a un concelleiro socialista da Rúa e á alcaldesa de Petín./ Foto: O SIL.

 

Un dos deputados participantes nesta andaina é o concelleiro do Barco Aurentino Alonso, quen antes de partir aseguraba que deste xeito pretenden “visibilizar a situación que vive esta provincia en canto ao reparto dos fondos públicos na Deputación, queremos difundila a nivel estatal. É un uso electoralista moi partidista e que está discriminando á metade da provincia, os concellos non gobernados polo PP a situación é bastante de abandono nese reparto de fondos”.

Antes de comezo da andaina, o voceiro do grupo provincial do PSdeG-PSOE, Rafael R. Villarino, sinalou que con esta iniciativa buscan “reclamar que a provincia teña unha administración que reparta os fondos públicos dun xeito obxectivo con independencia da cor política”.

 

O voceiro socialista no Parlamento galego, Gonzalo Caballero, cos deputados./ Cedida.

 

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero apoiaba tamén esta marcha dos deputados provinciais socialistas “É intolerable a falla de rendición de contas, o reparto discriminatorio de cartos públicos aos concellos e a opacidade que ten instaurada Baltar dende a Deputación de Ourense”, criticaba o dirixente socialista, xa que “isto implica unha discriminación non só aos concellos, senón tamén ás cidadás e cidadáns da provincia de Ourense”.

 

Artigos relacionados

Back to top button