ConcellosÚltima hora

A I Marcha Solidaria Memorial Anxo de Sousa Pérez recauda 6.219,30 euros

Esta cantidade vén de ser doada á Fundación Andrea por parte da organización desta cita deportiva
Acto de entrega á Fundación Andrea do recaudado na marcha solidaria da Rúa./ Foto cedida polo Club Atletismo Rúa.
Acto de entrega á Fundación Andrea do recaudado na marcha solidaria da Rúa./ Foto cedida polo Club Atletismo Rúa.

Máis de 540 inscritos e a axuda de máis dun cento de empresas, tanto locais, como de fóra. Son algunhas das cifras que amosaban a boa resposta que vén de ter a I Marcha Solidaria Memorial Anxo de Sousa Pérez, que se celebraba na Rúa o pasado 19 de marzo. Este percorrido, dende Fontei ata o Miradoiro do Barranco Rubio, podía facerse camiñando, en bicicleta ou en moto. Os participantes pagaban pola súa inscrición 10 euros.

A actividade, promovida polo Club Atletismo Rúa e pola peña FMF, lograba recaudar 6.219,30 euros, que veñen de ser entregados á Fundación Andrea en Santiago. “A Fundación quedou moi agradecida polo gran xesto que tiveron todos os participantes por axudarlles a continuar co seu proxecto”, explican os organizadores da marcha, que puideron coñecer de preto o labor que se desenvolve dende esta entidade benéfica.

Ademais dende o Club Atletismo Rúa e a peña FMF agradeceuse a colaboración de “todos os participantes e comercios que fixeron isto posible” e convidan a “todo o que poida e queira a colaborar con esta fundación”.

Artigos relacionados

Back to top button