PolíticaÚltima hora

Davide Rodríguez e Ánxeles Cuña (En Marea) valoran os orzamentos da Xunta para a provincia

Os dous deputados ourensáns deron conta do que o executivo galego destinará a Ourense no 2018 e reiteran que van presentar diversas emendas no Parlamento autonómico
Ánxeles Cuña, Ledicia Piñeiro e Davide Rodríguez. // Foto: Carlos Asensio.

Os deputados de En Marea pola provincia no Parlamento de Galicia, Davide Rodríguez e Ánxeles, manifestaron hoxe, 14 de novembro, en Ourense a súa desconformidade cos orzamentos da Xunta de Galicia para coa provincia. Davide Rodríguez dixo que a cantidade que destina o executivo galego “vólvenos deixar á cola”. Nunha breve exposición desas cantidades, o deputado de En Marea asegurou que “Ourense é a cidade que menos investimento real recibe por parte da Xunta”, só 13 millóns, asegurou, “fronte aos 180 que leva Vigo ou aos 29 millóns que destinan a Compostela”. E deses 5 irán ao enlace da A-52 co polígono de San Cibrao “que leva orzamentado máis de cinco anos sen executar e que conta coa oposición dunha plataforma cidadá e mesmo do sector dos transportistas”, dixo.

Entre as reivindicacións que fixo Davide Rodríguez tamén está a da distribución orzamentaria nos hospitais comarcais: “Un millón de euros para os hospitais comarcais a repartir entre Valdeorras e Verín”, asegurou, algo que lles parece insuficiente posto que “vaise reducir a calidade da nosa sanidade”.

A súa compañeira, Ánxeles Cuña, fixo un debullo pormenorizado das cantidades destinadas a Ourense neses orzamentos da Xunta para o 2018. Cuña explicou que o SERGAS “recibirá en Ourense o 5% de toda Galicia”, por outra banda, a deputada falou de Sanidade, reiterando que “só recibirá o 9% de toda a comunidade”. En materia de vivenda , Cuña asegurou que o Instituto Galego de Vivenda e Solo “terá o 8%”, unha cantidade igual recibirá a Xustiza, dixo. Unhas cantidades que a deputada cualificou de “pírricas”. Outros datos que aportou foi en materia de Infraestruturas, “o 15%” e en Medio Ambiente o 19% “aínda que sabemos que temos unha provincia moi necesitada”. En canto a Educación e Cultura “somos a penúltima provincia”, dixo, en cantidade orzamentada, e tamén en Turismo. No campo da Política Social, “cando se nos anuncia a bombo e prato que Ourense vai ser unha provincia moi dimensionada nesta materia”, Ánxeles Cuña asegurou que é a segunda de Galicia nos orzamentos.

Asemade, Cuña dixo que a administración galega está esquecendo aos parados, xa que dos 200.000 que hai en Galicia “144.000 son ourensáns”. Asemade, asegurou que dos 30.000 mozos ourensáns, 1.000 marcharon este ano e dos que quedaron en Ourense “podo asegurar que o 90% están en traballos e empregos precarios, é dicir, son asalariados moi baratos”. Por todo isto “esta provincia debería de ser atendida prioritariamente polas administracións”, dixo a deputada de En Marea, “e o PP o que fai é reducir ao máximo o gasto”. Por todo isto, concluíu que estes orzamentos son “restritivos, antisociais e decepcionantes”.

Pola súa banda, Davide Rodríguez reiterou que a principal preocupación do Goberno de Feijóo “debería de ser a fixación de poboación, e non hai medidas para frear o despoboamento rural, con estas contas seguiremos pechando escolas, ademais de non verse beneficiada a provincia que máis graves problemas medioambientais e ecolóxicos ten”.

Así é todo, dende En Marea aseguraron que levarán ao Parlamento de Galicia emendas “moi argumentadas, xa estamos traballando nelas”, dixo Ánxeles Cuña, aínda que non se mantivo moi optimista porque declarou que o ano pasado “das 1.000 emendas que presentamos dende a oposición, o PP non aprobou nin a primeira”.

Ambos os dous deputados estiveron acompañados pola concelleira de Ourense en Común, Ledicia Rodríguez, que lles trasladou as inquedanzas da capital como o Centro de Atención a Persoas con Discapacidade ou a necesidade dunha casa de acollida de mulleres, entre outros.

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close