PolíticaÚltima hora

En Marea fai un chamamento aos ourensáns a seguir a folga feminista do 8 de marzo

A deputada no Parlamento de Galicia, Ánxeles Cuña, resaltou que “hai motivos de sobra para mobilizarse”
Ledicia Piñeiro e Ánxeles Cuña.

En Marea chama á mobilización das mulleres o vindeiro día 8 de marzo para “reivindicar a igualdade en todos os ámbitos da vida”. Así o explicou hoxe, 23 de febreiro, a deputada do grupo pola provincia no Parlamento de Galicia, Ánxeles Cuña, que tamén fixo un chamamento “para parar nos traballos, nos coidados, no consumo e no ensino”. Dende o punto de vista laboral “hai unha fenda salarial inaceptable entre mulleres e homes”, dixo. Cuña realizou esta comparecencia apoiada pola concelleira de Ourense en Común no Concello de Ourense, Ledicia Piñeiro.

Cuña tamén resaltou que “somos as que asumimos os traballos sen remunerar, os temporais e aínda que seguimos sendo máis da humanidade, o acceso aos postos de decisión e administracións son pírricos e irrelevantes”, sinalou a deputada, que recalcou que “de seguires así, en Ourense aínda que hai 2.076 mulleres estudando na universidade e 1.428 homes, só tres delas chegarían a postos de dirección e o resto serían homes”, cifrou. Asemade, reiterou que en todo o 2017 na provincia “non se moveu o emprego feminino”.

A deputada tamén convidou ás coidadoras para parar o vindeiro día 8 de marzo “que en Ourense hai preto de 24.000 mulleres dedicadas aos labores do fogar non remunerados, a coidar ás persoas con incapacidades permanentes”. Un problema que “é o duplo no rural, onde as mulleres soportan o dobre de cargas”, aseverou Cuña.

Como iniciativa, Ánxeles Cuña propuxo a aquelas coidadoras que non poidan deixar as súas tarefas ou os seus traballos “que colguen un mandil no balcón en sinal de apoio ás reivindicacións”.

Pero dende en Marea tamén fixeron un chamamento aos homes nesta mobilización: “pedímoslles que asuman todos estes labores e que contribúan á folga”, apuntou Ánxeles Cuña.

Ademais do apoio a esta folga “legal e lexítima”, dixo Cuña, e aos colectivos feministas que a promoven, En Marea tratará nun pleno monográfico tódalas cuestións relacionadas coas desigualdades que padecen as mulleres, no que tódalas preguntas, mocións e interpelacións serán arredor deste tema.

Artigos relacionados

Back to top button