PolíticaÚltima hora

En Marea pide abordar a cuestión dos lumes dende unha “perspectiva global que aposte por un territorio ordenado e un rural vivo”

Davide Rodríguez, parlamentario galego; Alexandra Fernández deputada no Congreso e a eurodeputada Lidia Senra abordaban este tema nunha rolda de prensa
A deputada estatal de En Marea Alexandra Fernández, a eurodeputada Lidia Senra e o deputado galego Davide Rodríguez.

Nunha rolda de prensa celebrada na mañá do 20 de outubro en Santiago o deputado ourensán de En Marea, Davide Rodríguez, xunto a deputada no Congreso, Alexandra Fernández; e a eurodeputada galega Lídia Senra facían un balance das respostas dadas dende as Administracións galega e estatal perante aos incendios forestais da última semana en Galicia. Os tres cualificaban de “irresponsable” que se estea a dicir que “estamos ante un fenómeno de terrorismo incendiario organizado, cando non hai ningún dato detrás que avale esta tese” e reclamaban que a Xunta faga “autocrítica” e se poñan en marcha medidas urxentes que aborden o problema dos incendios forestais de “maneira global e que aposten por unha ordenación territorial sostible, un cambio de política forestal e un rural vivo”. Tamén criticaron a “descoordinación no servizo de extinción e a falta de persoal a tempo”.

Senra apuntaba que é urxente apostar polo apoio a toda aquela persoa que se queira instalar na actividade agraria e gandeira no medio rural e chamou ás administracións a establecer axudas coherentes que o permitan. En segundo lugar, onde xa non hai actividade gandeira e mentres non se consiga instalar labregos e labregas, é necesario fomentar rabaños comunais ou de titularidade pública para limpar o monte. “O abandono do medio rural significa graves problemas para todo o país. O medio rural é a nosa reserva de auga, o noso pulmón, a nosa despensa como xeradora de alimentos, a nosa paisaxe e quen mantén a biodiversidade. Debemos converter toda a solidariedade que houbo, todos os voluntarios e voluntarias que apagaron o lume, nunha forza de resposta que obrigue ás administracións a revitalizar a actividade agraria no noso país”, concluíu Senra, despois de lembrar que esta mesma semana enviou unha carta ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Junker, pedíndolle que poñan en marcha medidas para paliar a situación; impulsou outra misiva que xa asinaron máis de 25 eurodeputados e eurodeputadas no mesmo sentido, dirixida aos comisarios europeos de Medio Ambiente e Agricultura.

Pola súa banda, Davide Rodríguez sinalaba que “é mentira” ese discurso que está a dar o presidente da Xunta de que estamos ante un “terrorismo organizado incendiario”. E na mesma liña que Senra, atribuíu a vaga de lumes á “falta de ordenación dos nosos montes en beneficio das grandes industrias pasteiras” e a unha “falta de previsión e de medios moi grande”. Tamén resaltaba que “non funcionaron os protocolos e que a Xunta non deu levado a cabo unha combinación dos medios dos que dispón para combater os incendios”. Rodríguez tamén criticaba que non se reforzaran os servizos de emerxencias do 112 nin o 061 e que durante a fin de semana non houbo información á cidadanía do risco extremo polo que se estaba atravesando. “Seguiron permitíndose actividades no monte como a caza ou o sendeirismo”, sen barallar os riscos, dixo. Tamén consideraba “totalmente insuficientes” as medidas que se están poñendo en marcha para paliar a situación.

Ademais Alexandra Fernández lembraba a batería de preguntas que presentou esta semana no Congreso sobre o tema dos lumes. Chamou a facer unha reflexión profunda: “A non ordenación do territorio xunto cunha pésima xestión forestal converten os montes en pura gasolina. Tal e como está a facer Feijóo, intentando centrar esta crise só na cuestión punitiva, non se vai resolver este problema, repetirase ano tras ano”. Destacaba a necesidade de saber que medidas se van tomar agora en materia de restauración hidrolóxica e forestal.

Artigos relacionados

Back to top button