PolíticaÚltima hora

En Marea presenta en Ourense o seu decálogo de loita contra os incendios

O acto contaba coa presenza do voceiro da formación, Luis Villares, que estivo acompañado polos deputados galegos Davide Rodríguez e Paula Quinteiro
Davide Rodríguez, Luis Villares e Paula Quinteira na rolda de prensa en Ourense.

O deputado galego Davide Rodríguez de Manzaneda, xunto ao voceiro de En Marea e a tamén parlamentaria Paula Quinteiro presentaba na mañá do 14 de agosto na cidade de Ourense o decálogo elaborado por este partido político para a loita contra os incendios forestais en Galicia.

Tendo en conta a “gravidade dos lumes forestais que afectan a Galicia, e en especial á provincia de Ourense, e despois da traxedia vivida en Portugal e a situación de emerxencia que vive ese país por causa dos incendios”, esta formación política considera preciso “analizar a nosa propia situación, similar en moitos casos á dos nosos veciños e articular medidas que permitan evitar traxedias humanas e ecolóxicas”.

Neste senso Villares incidía na necesidade de cambiar en Galicia “o modelo produtivo”, realizando un “mellor aproveitamento dos recursos e acabando coa implantación de especies pirófitas como o eucalipto”. Villares explicaba que a Xunta creou a axencia forestal na consellería de Economía, “isto xa o di todo da política da Xunta”. E anunciaba que En Marea pedirá no parlamento a demisión do director xeral de Ordenación Forestal, Tomás Fernández Couto, ao “considerar que facendo unha xestión nefasta do forestal en Galicia”.

Pola súa banda, Davide Rodríguez, apuntaba na rolda de prensa que en Galicia hai “500.000 hectáreas de eucalipto, pero a lei di que non pode haber máis de 200.000, algo estamos facendo mal”. Tamén aseguraba que a Xunta de Galicia “non é capaz de cumprir co seu propio Pladiga”. O deputado de En Marea explicou que o plan foi “presentado tarde e mal, pero agora nin sequera se ateñen a el”. Ademais Paula Quinteiro pediu que se acabe “coa dispersión da xestión da extinción de incendios, recuperando un servizo completamente público e non o que ten agora Galicia que está en man das empresas”.

En Marea asegura que “as políticas públicas levadas adiante no medio rural durante os últimos 30 anos, demóstranse insuficientes para a prevención e a extinción de incendios, comezando polo abandono do rural, a falta de inversión e servizos públicos, a reforestación mediante especies alóctonas de ciclo curto que hoxe supoñen máis do 50% da nosa superficie forestal, mentres que no 1987 eran apenas do 3%. A isto súmase o abandono e falta de coidados, así como unha política baseada na extinción e non na prevención”.

Así, o grupo parlamentario de En Marea presenta un decálogo de medidas urxentes a impulsar por parte do Goberno galego “que permitirían enfrontar o problema dos incendios forestais no noso país”. Nel figuran os seguintes puntos: unha Xestión integrada, a información e divulgación dos plans de emerxencia, a aprobación da Lei Galega de mitigación e adaptación ao cambio climático, o establecemento dun Plan social e de estímulos ao rural, un novo modelo forestal, unha reforma na normativa actual e aumentar as distancias mínimas de separación entre as masas forestais e calquera ben inmoble, pasto e zonas agrarias.

Asemade En Marea aposta por recuperar, como forma de xestión “democrática e participada da propiedade privada forestal con carácter preferente, as Unidades de Xestión Forestal e derrogación das actuais SOFOR” e por “dotar de recursos suficientes ao BANTEGAL para facilitar o incremento da base territorial das explotacións e o acceso á terra de novos agricultores”.

En Marea propón tamén a elaboración dun “novo plan do monte galego que inclúa unha planificación a medio e longo prazo que conteña a delimitación do espazo monte dentro da ordenación do territorio e o mapa de usos entroncado coas comarcas do país” e o “uso das terras agrarias”. Tamén se incide no decálogo no reforzo da prevención, nun novo servizo de extinción de incendios.

Artigos relacionados

Back to top button