SanidadeÚltima hora

Margarita Rodríguez: “Á poboación de Valdeorras diríalle que estea tranquila e que cumpra as medidas establecidas”

A directora do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras valora a situación sanitaria actual, tras o primeiro ingreso por Covid no hospital comarcal dende xuño

Margarita Rodríguez, directora do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras tres meses sen ingresos por coronavirus, o Hospital Público de Valdeorras, no Barco, volve contar cun paciente ingresado por Covid-19. “Estamos nunha nova etapa Covid, houbo un período de descanso en canto a positivos no verán. Neste momento, temos pacientes positivos, pero contamos xa unha experiencia previa. O persoal traballa con máis tranquilidade e dispoñemos dunha preparación que nos axuda a estar asumindo isto actualmente dunha forma tranquila, pero non relaxada”, asegura a directora do Distrito Sanitario do Barco Valdeorras, Margarita Rodríguez Blanco.

Ademais indica que neste tempo, aínda que non había ingresos hospitalarios, si se rexistraban casos no distrito de Valdeorras, citando, por exemplo, os brotes de Viana, da Rúa ou o do Barco. “Neste período había pacientes en domicilio, que se diagnosticaban, pero que non necesitaban ingreso, ese seguimento continúa facéndose dende Atención Primaria”, comenta.

 

 

E ante o momento sanitario actual, “á poboación de Valdeorras diríalle que estea tranquila, que siga tomando as medidas de seguridade na rúa, que é fundamental que se teñan en conta e que se implementen. Hai casos, son casos que están controlados, e agora a experiencia que temos danos esa serenidade, pero temos que seguir en alerta e con moito sentido común. A nivel de poboación, sobre todo, hai que cumprir todas as medidas establecidas, é fundamental para que o virus non se propague”, destaca Margarita Rodríguez Blanco.

 

Máis información:
https://osil.info/ingreso-por-covid-no-hospital-de-valdeorras/

Artigos relacionados

Back to top button