En portadaÚltima hora

Margarita Rodríguez, nova directora do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras

A súa presentación tiña lugar esta mañá no Hospital Comarcal Valdeorras

 

“Para min é un reto importante porque me sinto valdeorresa, estou totalmente integrada no Hospital Comarcal Valdeorras (HCV) e quero que isto funcione o mellor posible. Creo que este é un obxectivo común de todos os traballadores do centro”. Eran as primeiras palabras da directora do Distrito Sanitario de Valdeorras, Margarita Rodríguez Blanco, nunha rolda de prensa na que se facía público o seu cargo e na que esta valdeorresa estaba acompañada polo xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco, Félix Rubial, e polo director asistencial da área ourensá, Javier Puente. Previamente, facíase unha presentación no hospital para os seus traballadores e tamén para a xunta de persoal.

A nova directora de distrito “é unha persoa que leva vinculada toda a súa carreira profesional ao HCV, que coñece perfectamente a realidade, non en van leva case 30 anos traballando aquí en postos de responsabilidade como directora de xestión, como subdirectora de xestión, e que coñece perfectamente como valdeorresa a realidade da sanidade pública da comarca, e, polo tanto, consideramos que é unha persoa absolutamente acaída para asumir esta nova responsabilidade con motivo da marcha voluntaria do doutor Contreras”, explicaba Félix Rubial.

Ademais o xerente da EOXI adiantaba que Margarita Rodríguez asume o cargo con tres retos principais. O primeiro deles, e “o máis importante, é intentar dar resposta ás necesidades de profesionais coa idea clara de que os problemas de saúde dos valdeorreses se resolvan maioritariamente en Valdeorras. Estamos nunha situación de dificultade en canto á dotación de persoal, pero estamos integrados na área sanitaria de Ourense que nos permite desprazar especialistas que poidan dar a cobertura aquí”.

 

A nova directora do distrito sanitario valdeorrés.

 

En segundo lugar, Rubial mencionaba que “a dirección de distrito leva implícita unha novidade con respecto ao que acontecía ata agora, implica asumir responsabilidades hospitalarias e tamén na Atención Primaria. Por tanto, outra das encargas da nova directora é a de mellorar a coordinación entre os dispositivos asistenciais hospitalarios e os dispositivos de primaria. Resulta imprescindible que melloremos esa fluidez de comunicación en beneficio dos pacientes, resolvamos en atención primaria todo aquelo que sexa factible resolver alí e que non teña que vir ao hospital, e iso implica que profesionais do hospital se volquen directamente a modo de consultores dos profesionais da Atención Primaria”.

E o terceiro eixo principal do labor da nova directora será, segundo Rubial, “a transformación do hospital. Temos entre mans unha de serie de proxectos de renovación estrutural moi importantes, como son esencialmente as obras que se van a acometer na área de endoscopias, na área de farmacia, na área do hospital do día e na área de adaptación ao medio e que están neses momentos na fase de redacción do proxecto e agardamos unha licitación inmediata. E tamén na renovación integral das consultas externas, unha actuación para a que a Xunta de Galicia ten reservado medio millón de euros”.

 

O xerente da EOXI ourensá, Félix Rubial.

 

 

Pola súa banda, Margarita Rodríguez, sinalaba que “o hospital está nun momento delicadado de falta de especialistas como todos os hospitales, pero vemos que todo o mundo está na liña de melloralo. Temos o apoio da área en todos los sentidos e, entre todos, imos conseguir resolver estes problemas”.

Preguntado pola carta enviada dende o Concello do Barco para pedir unha reunión, o xerente da EOXI de Ourense asegurou que na xerencia non se recibiu ata o de agora esa misiva e amosouse aberto a manter un encontro e un diálogos cos representantes deste Concello sobre o hospital.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button