Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

María Albert: “A Rúa ten grandísimas fortalezas como o Camiño de Inverno e o viño”

A candidata nacionalista á alcaldía ruesa presentaba o seu programa o 17 de maio nun acto no que estaba acompañada por membros da súa candidatura como Avelino Fernández e Vanesa Corcoba e por Xosé Lois “O Carrabouxo” e Francisco García

Con palabras de recocemento aos membros da lista que encabeza comezaba María G. Albert, candidata á alcaldía da Rúa polo BNG e actual concelleira, a súa intervención no acto celebrado o 17 de maio, no Centro Cultural Avenida. “Vos sodes a forza dicía”. Este acto comezaba precisamente coa proxección na pantalla deste espazo cultural das fotografías de cada un dos membros da candidatura nacionalista.

María Albert reivindicaba ademais neste Día das Letras Galegas a figura poética e política de Florencio Delgado Gurriarán como autor merecente de ser homenaxeado nun futuro nesta data. E lembraba a súa chegada ao Concello da Rúa hai catro anos, sendo a primeira muller que accedía á alcaldía e tamén a primeira rexedora nacionalista. “Esta experiencia é un orgullo, primeiro como muller e logo porque foi un feito excepcional para o BNG”. E destacou que nos dous anos que gobernou A Rúa “fixemos cousas moi interesantes como un plan de urbanismo e conseguimos pequenas grandes obras como o ascensor do Centro de Saúde que era unha urxencia, e reducimos a débeda que tiña o Concello, ademais de abrir esta institución á cidadanía, este foi un gran cambio”.

 

 

A candidata nacionalista explicaba as liñas principais do proxecto que o BNG quere desenvolver na Rúa, “un concello que ten grandísimas fortalezas como o Camiño de Inverno, no que está todo por facer, hoxe non hai servizos, non hai puntos de información… O Concello ten que incentivar a iniciativa privada para que A Rúa se posicione como lugar de referencia no Camiño de Inverno. Outra das nosas fortalezas é o viño, A Rúa conta con case a metade das adegas da Denominación de Orixe Valdeorras, temos que posicionarnos como a Capital do Godello”.

Resaltaba ademais “os servizos que ten A Rúa” e propoñía a creación dunha concellería específica de Participación Cidadá e un Consello de Participación Cidadá para, a través deles, impulsar e “priorizar o asociacionismo”. Ademais apostaba por “facer da Rúa o mellor espazo para vivir en Valdeorras”.

 

A intervención de María Albert pechaba este acto, no que tamén interviñan dous membros da súa lista, Avelino Fernández, o número dous, e Vanesa Corcoba, a número 6. Avelino Fernández lembraba a entrada do BNG no goberno municipal por vez primeira hai catro anos e “con esta experiencia temos máis forza e folgos para seguir facendo as cousas doutra maneira”. Repasaba ademais as áreas nas que traballou como concelleiro nesta lexislatura, Cultura e, sobre todo, Deportes, e aproveitaba a ocasión para agradecer o traballo que realizan membros e socios dos diferentes clubs e entidades deportivas do municipio “o verdadeiro mérito do que hoxe é o deporte na Rúa é deles”.

Pola súa banda, Vanesa Corcoba explicaba que deu o paso de presentarse na lista do BNG porque “creo firmemente nesta candidatura para construír un futuro mellor, para facer da Rúa o mellor concello posible para vivir. Somos un grupo de persoas moi diferentes, pero que cremos neste proxecto”.

Neste acto tamén tomaban a palabra Xosé Lois “O Carrabouxo” que, en marcada clave de humor, facía un repaso da situación na que se atopa a provincia de Ourense e Galicia en xeral, e resaltaba a “necesidade de meter unha inxección de BNG en todos os concellos”; e o ex alcalde de Allariz, Francisco García, quen incidiu en que o “BNG é unha forza política con persoas con honestidade e ilusionadas por poñer en marcha un proxecto con solvencia económica e social para recuperar a autoestima do noso pobo”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button