PolíticaÚltima hora

María Albert (BNG) propón no Parlamento galego unha normativa propia para regular os usos sociais dos montes comunais

A deputada do BNG, María G. Albert, no Parlamento galego.

 

A deputada valdeorresa do BNG María Albert defensía este martes no Parlamento galego unha proposición non de lei para instar á Xunta a elaborar unha normativa específica dos usos sociais do monte, en colaboración coas comunidades de montes veciñais, que “favoreza a coexistencia dos distintos usos e preveña das posibles consecuencias negativas que algúns deles poden ter, unha iniciativa que foi vetada polo grupo do PP na comisión de Agricultura da Cámara”.

Albert sinalaba que esta iniciativa que permitiría “regular de xeito pormenorizado os usos individuais por parte de particulares dos montes en man común que, coas distintas normas actualmente en vigor, non quedan cubertas nin de lonxe”.

A deputada valdeorresa indicaba que, cando os usos do monte se fan a través de asociacións, clubs, federacións ou outras entidades similares, “fica cuberta a responsabilidade no caso de que haxa algún problema xa que é preceptivo contar con licenza expedida pola Consellería do Medio Rural, para a que é condición sine qua non contar cun seguro de responsabilidade civil”.

Sen embargo, esta cuestión non queda solucionada “cando son particulares os e as que fan uso dos montes ante posibles danos que puideran causar”. Neste sentido, explicou que os usos tradicionais (entre os que citou as festas populares, as visitas ao patrimonio cultural e medioambiental, os paseos ou os cubertos nas áreas de lecer) “presentan normalmente poucos riscos e serían facilmente regulables”, mentres que os que denominou “novos usos” (vinculados sobre todo a actividades deportivas como o motocross, o ciclismo de montaña, os deportes de aventura, o montañismo ou a escalada en rocha) provocan problemas tanto para as comunidades de montes -porque a práctica destes usos poden traer consigo accidentes-, como para o propio monte veciñal, xa que moitas veces son agresivos medioambientalmente e producen un forte impacto erosivo.

A portavoz nacionalista de Montes, apuntaba nesta liña que, neste contexto, merecen especial atención “aqueles montes periurbanos que son ás veces obxecto de actividades deportivas clandestinas con cortas e aperturas de pistas de motocross e outras prácticas de risco” que degradan e atentan o monte, “ademais de supor problemas específicos en caso de accidente”.

Por todo isto, o BNG considera preciso unha normativa que contemple as problemáticas concretas derivadas destes usos e que, ao tempo, “mude e endureza os requirimentos hoxe en vigor para a celebración de probas deportivas nos montes galegos”.

Artigos relacionados

Back to top button