PolíticaÚltima hora

María Albert: “Os orzamentos da Xunta e do Estado afondan no abandono da comarca de Valdeorras”

A deputada ruesa do BNG no Parlamento galego explicaba en rolda de prensa as emendas presentadas dende o BNG a cada un deses orzamentos

 

Infraestruturas, desenvolvemento económico e servizos públicos. Son os tres niveis principais “nos que está abandonada a comarca de Valdeorras” e nos que inciden directamente as emendas “territorializadas” que se presentarán dende o BNG aos orzamentos da Xunta de Galicia (un total de 9) e do Estado (6 emendas). Avanzábao na tarde deste venres en rolda de prensa a deputada valdeorresa no Parlamento de Galicia, María G. Albert, acompañada polo responsable comarcal do BNG e por Avelino Fernández e Suso Vilasánchez, concelleiros nacionalista na Rúa e no Barco, respectivamente.

Era Roberto Quiroga quen iniciaba a comparencia resaltando que, “un ano máis, seguimos discriminados nesta comarca no que respecta ás comunicacións. Botamos moito de menos que non haxa un investimento forte, por exemplo, na actual N-120 e no ferrocarril, en cuxo servizo se recortaron viaxes, e están a día de hoxe sen recuperar, entón solicitamos que se volvan poñer todos eses traxectos que existían antes da pandemia e que, con esa desculpa, se quitaron, así como na reapertura da venda de billetes nas estacións da Rúa e do Barco”.

Deseguido, a deputada galega María G. Albert, explicaba que esta valoración conxunta dos dous orzamentos, do estatal e do da Xunta, débese a que “os dous pecan exactamente do mesmo, que é en afondar no abandono da comarca de Valdeorras. Nin dende o Estado, neste caso o PSOE, nin dende a Xunta gobernada polo PP de forma continuada nos últimos 12 anos, se atende en absoluto ás necesidades que ten esta comarca. E isto levounos a facer unha análise conxunta dos dous documentos”.

Nese senso, Albert matizaba que ese abandono tradúcese en tres ámbitos fundamentais. O primeiro, deles, o xa citado das infraestruturas. E nel céntrase catro emendas presentadas aos orzamentos estatais: unha para a remodelación do enlace da Rúa coa N-120, dúas pedindo orzamento para a A-76 e outra para solicitar a “rehabilitación estrutural do firme, adecuación e mellora da seguridade vial na N-120 entre a fronteira con Castela-León e a cidade de Ourense, é dicir, que se revisen os puntos negros que ten, nos que hai moitísimos accidentes con fauna salvaxe”.

Con respecto á circunvalación do Barco, Albert indicaba que “o feito de que apareza orzamentada non significa que se execute, tendo en conta que levamos un retraso enorme no grao de execución que tiña que ter xa neste momento esa estrada e, segundo, un investimento importantísimo nunha obra local no suple tanto a falta de investimentos na N-120 a nosa principal vía de comunicación coa Meseta e co resto de Galiza e a falta de investimentos na A-76, na que volven figurar as mesmas partidas que non executaron o ano pasado, simplemente 100.000 euros para facer un estudo de detalle. Estamos nunha cuestión na que nunca houbo un interese por parte do goberno central, nin co PP nin hoxe do PSOE, de executar esta infraestrutura”.

 

A deputada do BNG no Parlamento galego, María G. Albert, na rolda de prensa.

 

Nos orzamentos da Xunta, a emendas do BNG inclúen investimentos na OU-533 (A Rúa-A Gudiña), é evidente que é unha necesidade porque a día de hoxe deixáronnos sen estación de tren e os desprazamentos para coller o AVE van por esa estrada. Ademais Viana e A Gudiña teñen moita comunicación con nós. Neste ano destínase 1,5 millón de euros, pero é unha partida compartida para esta estrada e para a OU-540, de Celanova cara Portugal, que nós moito nos tememos que é onde se vai gastar realmente ese diñeiro”, comentaba a deputada nacionalista.

No relativo ao desenvolvemento económico, a deputada nacionalista considera que “nin dende a Xunta nin dende a Xunta se establece ningún instrumento, nin un só euro para que comarcas como a de Valdeorras, que é interior e bastante industrializada teña un desenvolvemento que poida permitir, de entrada, unha fixación de poboación e facer unha vida na zona. Non se orzamenta nada para o Camiño de Inverno, nin para os polígonos industriais, nin tampouco para o saneamento dos nosos ríos”.

E, en terceiro lugar,e moi vencellado aos niveis de infraestruturas e de desenvolvemento económico, referíase aos servizos públicos. “Neste ámbito, aínda que tamén reclamamos cuestións do Estado como que se arranxen as dependencias da UNED na Rúa, que están nunhas condicións depauperadas; é evidente que os grosos dos servizos dependen da Xunta de Galiza, como sucede co ensino e coa sanidade. A Xunta continúa a pechar aulas na nosa comarca, este ano tocoulle a Vilamartín, o anterior, á Rúa. Por outra banda, está a sanidade que é o grandísimo tema que temos a día de hoxe dende o BNG enriba da mesa, é unha necesidade importantísima, nos presentamos varias emendas aos orzamentos da Xunta a nivel de infraestruturas, xa que temos centros de saúde en mal estado e non aparece nada orzamento, tampouco aparece o orzamento para o Centro de Saúde na Rúa. O que di a memoria da Xunta é que se continuará o proceso para poder facer no futuro varios centros de saúde, entre eles, o da Rúa. Nós seguirémolo demandando”.

Outra das emendas céntrase no Hospital Público de Valdeorras, “nós pedimos unha vez máis volver a ser unha área de saúde, xa que dende a súa desaparición imos costa abaixo e sen freos. É unha cuestión que nós reclamamos á Xunta porque non ten infraestrutura suficiente e dende logo non ten persoal nin servizos suficientes”.

Ademais o BNG incidirá na necesidade de recuperar “os nosos servizos de comunicación, porque é básico para o desenvolvemento da comarca, ao Estado nas estacións de ferrocarril para que se recuperen as estacións e as frecuencias de trens, e de autobuses para a Xunta”.

Fotos: O SIL.

 

Artigos relacionados

Back to top button