PolíticaÚltima hora

María Albert preguntará no Parlamento galego polo novo GES para A Veiga

A deputada valdeorresa do BNG tamén quere saber se "se valorou Viana do Bolo como sede do novo operativo"

María G. Albert, durante unha intervención no Parlamento galego.

 

A deputada valdeorresa do BNG no Parlamento galego, María G. Albert, vén de rexistrar unha batería de preguntas nesta cámara sobre “os motivos que levaron ao goberno galego a escoller o concello da Veiga e non o de Viana do Bolo como sede para un novo Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES)”.

Así, Albert pregunta, entre outras cuestións, cales foron os criterios técnicos para establecer esta nova sede “e non valorar a posibilidade de que sexa o concello de Viana o que dea nome e base a este novo GES que ten previsto atender a un total de 4 concellos. Sen entrar a valorar a necesidade ou non de que A Veiga conte un GES propio resulta sorprendente que se priorice ese concello como nuclear para dar servizo aos municipios do Bolo, Vilariño de Conso, A Veiga e Viana do Bolo, sendo esta última a que ocupa un lugar máis central, a que aglutina máis poboación, e a que dispón tamén da principal vía de comunicación da zona para facilitar os desprazamentos do GES”.

Desde o BNG tamén lembran que o Concello de Viana “xa pelexou vai 7 anos por ser a sede dun GES que finalmente se situou na Gudiña alegando as mellores comunicacións; argumento que agora semella non seguir a Xunta”, afirma Albert.

Así mesmo a parlamentaria do BNG pregunta tamén á Xunta “como se determinou que concellos serían atendidos por este novo GES e deixarían de depender dos do Barco e A Gudiña que, en principio, semellaban máis idóneos”.

Inicialmente estaba previsto que este GES abarcase tamén o municipio de Carballeda de Valdeorras, sen embargo, tras a reunión desta mañá da Comisión de Seguimento dos GES, emitíase unha nota de prensa por parte da Xunta indicando a aprobación de novos grupos de emerxencias, entre eles o da Veiga, que incluirá aos concellos do Bolo, A Veiga, Viana do Bolo e Vilariño de Conso. “Parécenos normal que quitasen a Carballeda porque non ten sentido ningún, polo mal acceso que ten dende A Veiga”, sinala María Albert.

Artigos relacionados

Back to top button
Close