PolíticaÚltima hora

María Carmen González repite como cabeza de lista popular en Carballeda de Valdeorras

Cara un próximo mandato asegura querer “dar a batalla polo medio, con especial atención á recuperación do patrimonio natural, e contra o feísmo urbanístico”
A candidata popular á alcaldía de Carballeda, María del Carmen González, co presidente do PP provincial.

Logo de 28 anos como alcaldesa, María del Carmen González Quintela (Carballeda de Valdeorras, 1955) afirma sentirse orgullosa do realizado “Non tiña outro obxectivo que facilitar a calidade de vida á veciñanza, con especial atención ao medio e o ámbito económico”, asegura. Nas vindeiras eleccións municipais de maio volverá a presentarse ao cargo encabezando a lista do PP “para seguir a traballar por un único proxecto que é o concello e o mellor que ten, que é o seu capital humano”.

Refírese a candidata á produción de lousa, pola condición de Carballeda como líder mundial. “Para nós era primordial equilibrar a extracción de lousa coa protección do medio e coa vida diaria dos habitantes, que nun gran número viven do seu traballo neste sector”.

Comenta ademais que “chegou o momento de centrarse noutras iniciativas máis relacionadas coas actividades de ocio e tempo libre”. Así, destaca, está a piques de finalizar un complexo de piscinas que combina as clásicas instalacións con outras naturais e que, pola súa novidade, esperamos capte a atención non só da xente de Valdeorras senón tamén do Bierzo”.

Cara un próximo mandato asegura querer “dar a batalla polo medio, con especial atención á recuperación do patrimonio natural, e contra o feísmo urbanístico coa eliminación de casas en ruínas e abandoadas “que ademais de contribuír a crear unha paisaxe pantasma e nada atraínte tamén son un foco de perigro para as persoas”.

O presidente provincial, Manuel Baltar, expresou entre tanto o seu agradecemento á candidata por se poñer unha vez máis a disposición do partido, ofrecendo o seu talante colaborador coas administracións e unha visión política “que vai máis aló do concello e da comarca, como así o demostra o novidoso complexo de piscinas que ven de citar”.

 

Artigos relacionados

Back to top button