SanidadeÚltima hora

María Elena González, xefa de Farmacia Hospitalaria da área sanitaria ourensá

Vencellada ao Hospital Universitario de Ourense desde a súa residencia forma parte do Servizo de Farmacia Hospitalaria desde hai trinta anos

María Elena González Pereira, nova xefa de Farmacia./ Cedida.

 

María Elena González Pereira asume desde hoxe a xefatura de Farmacia Hospitalaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, á que está vencellada desde o seu período de formación especializada, incorporándose como adxunta no ano 1992. Nada en Ourense, é Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago en 1988, fixo o seu período de residencia FIR no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense ata o ano 1992. Tamén é Licenciada en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos pola Universidade de Vigo en 1993 e posúe ademais o Board certified Oncology Pharmacist expedido pola American Pharmacist Association en 2014.

O Servizo de Farmacia Hospitalaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, é unha unidade funcional complexa que realiza funcións de tipo asistencial relacionadas directamente co paciente, como pode ser a elaboración de medicamentos, como tamén a atención farmacéutica ao paciente hospitalizado e ambulante.

A doutora González asume un Servizo no que traballan 78 persoas e que está integrado por farmacéuticos, persoal de enfermería, celadores e persoal administrativo e que está dotado das últimas tecnoloxías relacionadas co almacenamento, dispensación da medicación e a prescrición electrónica. Asemade será responsable da xestión dos recursos económicos relacionados co uso do medicamento principalmente na xestión de adquisicións, xestión de stock e o seu almacenamento.

A Farmacia Hospitalaria da servizo aos pacientes ingresados nos tres hospitais da Área, que reciben a súa medicación en doses unitarias, así como ás persoas que acoden a recoller fármacos de dispensación hospitalaria e a usuarios de residencias sociosanitarias. Tamén cumpre salientar o importante traballo dos profesionais nas consultas externas e a súa integración nos servizos de Oncoloxía e Hematoloxía. Ademais disto, o servizo colabora estreitamente cos farmacéuticos de Atención Primaria, cos que comparten información e resolven dúbidas expostas a través de interconsultas.

Artigos relacionados

Back to top button