PolíticaÚltima hora

María G. Albert: “Por lei, un alcalde non pode someterse a unha moción de confianza no último ano de mandato”

A voceira nacionalista e tenente de alcalde da Rúa respondía así a unhas declaracións realizadas polo Partido Popular

O portavoz do PP da Rúa Avelino García Ferradal “descoñece a Lei eleitoral española, xa que en ningún caso un alcalde se pode prestar a unha moción de confianza no último ano de mandato e aínda que non fose así as contas non son un dos catro supostos nos que poderia facelo”. Así de rotunda se amosaba a voceira nacionalista e tenente de alcalde da Rúa María G. Albert na rolda de prensa que o seu grupo daba na tarde do 1 de febreiro, como resposta á nota de prensa emitida polo PP na que “reclamaba que o alcalde se sometera a unha moción de confianza pola falta de aprobación da liquidación e contas do 2017 e senón que presente a demisión e na que apareceu o meu nome por rebote”.

Con respecto a solicitar a demisión do alcalde “está no seu dereito e tamén de presentar unha mocion de censura a ver o que acontece”, dixo González Albert asegurando que para o BNG “esta nota de prensa vén a ratificar o oportunismo e a mala praxe do señor García Ferradal no que ten que ver coa política municipal”, explicando que “me consta que o alcalde ten falado privadamente co voceiro do PP tanto pola non presentación das contas como polo adiamento do pleno ordinario de xaneiro. En ámbolos dous casos o PP se amosou partidario de retrasar ese pleno e comprensivo coa situación laboral do Concello que levou ao retraso nas contas e despois sae na prensa dicindo todo o contrario”.

PXOM

O BNG da Rúa (María estivo acompañada polo compañeiro de partido, Avelino Fernández aproveitou a ocasión para asegurar que solicitarán á Consellería o “inicio dunha revisión completa do PXOM”, un plan que estivo en tramitación durante 16 anos e que pasou por 5 corporacións diferentes. “Entendiamos que había que aprobalo canto antes porque nun concello de 5.000 habitantes non se pode estar sen un plan que defina as liñas mestras a seguir, pero a nosa sorpresa no día a día da aplicación do plan é que ten unhas carencias insalvables, moitas delas derivadas de que se tramitou de costas ao servizo técnico deste concello, por unha empresa externa, e hai casos moi graves que non se poden solventar con modificacións puntuais”.

 

Artigos relacionados

Back to top button