PolíticaÚltima hora

María G. Albert: “Que conten con alguén de Valdeorras a esa altura da candidatura reflicte que hai interese pola zona”

A que fora primeira alcaldesa da Rúa e agora nº3 na candidatura do BNG por Ourense ao 12X asegura que "as necesidades na comarca son moitas e estamos totalmente abandoados"

Para María González Albert, primeira alcaldesa da Rúa e nº3 na candidatura do BNG por Ourense nas eleccións do 12 de xullo, representar a Valdeorras supón “ter en conta o lugar do que procedes e as necesidades específicas que ten esta comarca”. Recoñece que “por desgraza as necesidades en Valdeorras son moitas e estamos totalmente abandoados”.

 

 

Foi a primeira alcaldesa da Rúa e agora nº3 na candidatura do BNG por Ourense, que sente?

Responsabilidade, coma sempre que participas nunha candidatura que ten como obxectivo mudar as cousas neste país. E despois, un orgullo grandísimo de que conten contigo porque ao final hai moita xente con ganas de participar. Polo tanto, que conten con alguén de Valdeorras a esa altura da candidatura eu creo que é importante e reflicte que hai un interese polo interior ourensán e por Valdeorras en particular.

– Considera que a Xunta tivo en conta estes anos o peso que ten Valdeorras á hora de apostar por ela?

A Xunta leva 11 anos, por non falar da época de Fraga, abandoando sistematicamente a Valdeorras, a pesar de ser unha comarca potencialmente moi rica. Temos unha industria e un sector vitivinícola moi importantes, entre moitos outros. Estamos sen comunicacións, sen sanidade pública, e estamos nun momento no que, ou desde a Xunta se toman cartas no asunto e se modifica este abandono, ou en cinco ou dez anos estaremos falando dunha situación irreversíbel.

– Cal cre que é a necesidade máis urxente da comarca?

Agora temos moitas pero eu creo que no tema da sanidade hai un consenso de que está nun punto case que de non retorno e que se non se actúa xa, por desgraza viviremos o desmantelamento definitivo da nosa área sanitaria, que xa desmantelaron, pero tamén do noso hospital valdeorrés.

A día de hoxe na Rúa temos un problema grandísimo co Centro de Saúde, xa que estamos só con dous facultativos, e hai enfermeiras que están de vacacións, polo tanto están dando citas para dentro de 15 días. Isto non pode ser, xa que ademais no verán aumenta a poboación e este ano co tema do Covid-19, moito máis, xa que xente que pasaba as vacacións noutro sitio volveu ás casas familiares.

Por outra banda, están desmantelando o Hospital Público de Valdeorras, que a día de hoxe é un centro de especialidades. Un hospital que custou tanto conseguir e que tivo tanta importancia na mellora da saúde pública da nosa comarca, unha situación como esta non se pode consentir. Por iso esta é a necesidade prioritaria a partires do 12 de xullo.

Os valdeorreses non poden permitirse ter que desprazarse a Ourense para ir ao médico, xa que isto conleva problemas colaterais como ter un aloxamento, o risco e o custo que conleva o desprazamento por estrada… É un problema familiar, se houbera atención no Barco sería máis fácil. Ademais, faltan servizos especializados como o de neumoloxía, que tendo unha comarca mineira como temos, con tantos problemas pulmonares é unha situación gravísima.

 

 

– Que propoñen dende o programa do BNG para superala?

No tema da sanidade, especificamente, recuperar a área sanitaria e todos os servizos que se teñen eliminado no Hospital Público de Valdeorras. Ademais, hai que facer un investimento en saúde pública.

No que ten que ver cos servizos sociais, hai uns temas que son bastante sintomáticos de como funciona o PP. Cando estivo Anxo Quintana de vicepresidente da Xunta coa Consellería de Igualdade e Benestar, fíxose un Centro de Día con vocación comarcal na Rúa, e o primeiro que fixo o PP ao chegar ao goberno foi privatizar a súa xestión e descargar a parte pública no propio Concello. A Xunta ten que asumir esta competencia ao igual que a das residencias de maiores, que nestes tempos se viron tan prexudicadas.

A comarca de Valdeorras é coñecida polos sectores do viño e da lousa, que solucións hai para que melloren a súa situación?

Tivemos reunións específicas co sector do viño nesta pandemia e tamén antes da campaña electoral. Nesta semana estivemos co presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras así como co presidente da Ruta do Viño e dende que rematou o estado de alarma atópanse máis optimistas, xa que parece que a colleita comeza a saír. Eles teñen unha reclamación importante que é a de que se poida utilizar unha parte importante da colleita do ano pasado no embotellado do ano que vén, e eu creo que é unha reivindicación xeralizada non só en Valdeorras, senón que en todas as DD.OO.

Esta cuestión axudaría ao noso sector do viño, o cal antes da pandemia estaba nun momento fantástico. A D.O. Valdeorras estaba crecendo e tendo un renome internacional que fai pouco non tiña. Estamos facendo un viño de moitísima calidade e non nos podemos permitir esta pedra no camiño que supuxo o coronavirus. Entón, todo o que se poida facer dende as administracións públicas sería de gran axuda. É verdade que neste tema é complicado, xa que as competencias nin sequera son estatais, moitas delas son europeas. O que ten que facer a Xunta é presionar e facer valer os intereses das DD.OO. galegas.

En canto á lousa, xeraba moita riqueza e moito emprego en Valdeorras, pero tamén é certo que se trata dun sector que xa fai moitísimos anos que está a atravesar unha crise profunda e que hai cuestións como os dereitos laborais que xa se viñan reivindicando dende fai tempo. O coronavirus veu a confirmar unha falta de recursos, xa que son empresas que teñen recibido moitísimas subvencións europeas, estatais e galegas para mellorar diferentes aspectos como a mellora de ventilación en relación aos problemas de silicose que teñen os traballadores.

Ademais, hai outra cuestión a ter en conta, xa que as empresas naceron de capital local, e agora moitas das grandes empresas pertencen a grupos estranxeiros. En definitiva, é un sector ao que hai que darlle unha volta moi grande e que ademais ten un custo medioambiental importantísimo. Hai certos avances pero queda moitísimo por facer.

– Define Valdeorras como unha comarca illada, que opcións aporta o BNG en canto a infraestruturas?

O tema comunicacións é un tema onde tradicionalmente PP e PSOE se tiran a pelota os uns aos outros. Cando un goberna en Madrid a culpa é dos outros e cando están eles gobernando está todo fantástico.

En Valdeorras vivímolo constantemente, tanto nas estradas como no ferrocarril, estamos incomunicados. Está moi ben o AVE a Madrid pola Gudiña, pero nós temos que poder comunicarnos dentro de Galicia, sobre todo por cuestións como a sanidade, xa que non hai forma de desprazarse a Ourense dunha forma digna e cuns horarios razoables.

Así, no caso do tren, o BNG aposta por crear unha empresa galega baseada no modelo de Euskadi ou Cataluña, para ter un sistema de comunicacións que vertebre Galicia e non nos deixe no illamento total e absoluto. Non se pode permitir que de Valdeorras a Ourense tardemos dúas horas e media cuns prezos desorbitados, e máis nunha comarca na que o ferrocarril supuxo tanta fonte de riqueza e de crecemento en moitos momentos do século pasado.

 

 

Que opina do feito de que estas eleccións se suspenderan en abril e agora se volveran convocar?

Eu creo que agora mesmo non era o momento. Agora estamos metidos en campaña e faremos todo o posible para que a xente poida votar coas máximas garantías. Sen embargo, Feijóo é unha persoa que prima os seus intereses electorais sobre a saúde das persoas.

Cren que o cambio de goberno en Galicia pode ser posible este 12 de xullo?

Eu penso que si, xa que hai esa ansia de cambio. A xente ten ganas de mudar as cousas e estamos cansos de “Alcoas”, de peches de paritorios, dunha sanidade pública cada vez máis deteriorada, dun presidente que presume de xestión e despois non xestiona nada… O cambio é necesario, xa que ou temos unha Galicia supeditada sempre a Madrid ou temos unha presidenta, que neste caso sería Ana Pontón, que teña o seu interese única e exclusivamente fixado en Galicia.

Estamos en claro ascenso, iso é unha realidade. Penso que o BNG vai ter unha suba importante e ademais unha suba que está baseada nas ganas da xente por cambiar. Ademais, hai unha ilusión moi grande pola candidata á Xunta, Ana Pontón, por non ter ninguna atadura externa, e iso vaise reflectir o día 12. Xa non polo que digan as enquisas, xa que a única enquisa que de verdade vai valer é a que fan os cidadáns ao depositar o voto na urna.

 

 

Debido á situación sanitaria, van ser unhas eleccións fóra do común, cre que a xente deixará de ir votar?

Son unhas eleccións moi atípicas, nunca vivín unhas parecidas, e polo tanto son totalmente imprevisibles. Hai unha gran ansia de cambio, pero é verdade que polo tema das datas e do Covid-19 non sabemos como vai responder a xente. Non sabemos se vai acudir a votar en masa ou directamente non vai ir. 

Que lle diría para que acudisen ás urnas?

Diríalle que é importantísimo que este país mude, xa que non nos podemos permitir perder outros catro anos. Vai vir unha crise importante e é fundamental que no goberno da Xunta haxa xente pelexando polos fondos europeos e estatais cunha visión de país. O que non nos podemos permitir son outros catro anos nesta situación, cun goberno que só ten os intereses fixados no beneficio propio e no que poida acontecer en Madrid. Os galegos temos a oportunidade de facer historia, se eu fun a primeira alcaldesa da Rúa, pode haber unha primeira presidenta en Galicia.

Texto: Alba Prada

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button