ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

María G. Albert renuncia ao cargo de alcaldesa do Concello da Rúa

O acto tiña lugar no Pleno Extraordinario celebrado na tarde do 20 de xuño, catro días antes de que Luis F. Gudiña colla o relevo

Xa é un feito. Pasadas as oito e media da tarde do 20 de xuño, a nacionalista María González Albert deixaba de ser alcaldesa do Concello da Rúa, en base ao pacto de goberno asinado hai dous anos co PSdeG-PSOE co que lle arrebataban a alcaldía ao PP.

Dous anos e sete días despois de tomar posesión como a primeira muller no sillón da alcaldía na Rúa, María deixaba o cargo no marco do Pleno Extraordinario convocado a tal efecto, catro días antes de que o seu sucesor, Luis Fernández Gudiña, tome o relevo para completar os dous anos que restan de mandato.

Cun salón de plenos cheo de xente, algo que a todavía alcaldesa agradecía, a sesión comezaba cun minuto de silencio en memoria do terrible incendio que se cebou con Portugal, con moitas vítimas mortais. De seguido, María González facía un breve repaso polos logros nestes dous anos como o ascensor do Centro de Saúde, a aprobación do PXOM ou levar a auga a Vilela “tamén tentamos abrir o Concello á sociedade”, puntualizou, asegurando que “temos grandes retos nos vindeiros dous anos en tema medioambiental e hai moitas cousas pendentes”, rematando a súa intervención dando as grazas a todos os que a axudaron e asegurando que foron dous anos “moi intensos nos que aprendín moitísimo” esperando ter logrado “mellorar, aínda que fora un pouquiño, A Rúa” e parafraseando a SES concluía dicindo que “marchamos pero deixamos semente de vencer, así que aquí seguiremos”.

No seu turno de intervención, Avelino García Ferradal, deulle as grazas “polo traballo na alcaldía, porque hai que ser moi valentes para poñerse a liderar un partido político nun pobo pequeno como é o noso  e, cos seus acertos e os seus erros foi capaz de dirixir o Concello durante estes dous anos” e, malia asegurar que non era o momento de críticas,  si foi rotundo ao asegurar que “estes dous anos non foron bos para A Rúa e quedaron moitas cousas por facer”, recalcando que “visto como está o pobo, igual temos que adicarnos a temas serios de verdade como apoiar aos empresarios que loitan por manter as súas empresas; poñer en valor o agro; ou potenciar o turismo”. Antes de rematar, non pudo evitar facer referencia á moi criticada retirada das bandeiras, entre outros temas.

Máis breve foi Luis Fernández Gudiña quen asegurou que “o traballo realizado nestes dous anos foi para nós unha tarefa gratidicante e enriquecedora polo seu compromiso e infatigable actitude á hora de sacar adiante os proxectos e resolver os problemas que se plantexaban no día a día”. Segundo as súas propias palabaras, “a tarefa iniciada no 2015 continúa vixente e son moitos e moi importantes os retos que temos por diante”, dixo, rematando “cun recoñecemento tanto persoal como do noso grupo ao labor feito nestes dous anos coa convicción de que seguiremos loitando codo con codo na mellora das condicións dos nosos veciños”.

O vindeiro sábado, 24 de xuño, Luis (primeiro tenente de alcalde) tomará posesión do seu cargo pero ata ese momento é o alcalde en funcións do Concello da Rúa.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button