Galerías de fotosPolíticaÚltima hora

María G. Albert: “Unha das claves do mandato que vén é traballar pola Rúa do futuro”

A candidata nacionalista á alcaldía da Rúa, presentou unha lista “cohesionada e cos pés na rúa” para os comicios do 26 de maio

Rodeada de compañeiros do BNG, militantes e moitos veciños da Rúa, a nacionalista María González Albert presentaba a súa candidatura á alcaldía para as vindeiras eleccións municipais. Facíao na tarde do 8 de abril, acompañada polo número dous da lista Avelino Fernández, polo candidato ao Congreso Iago Tabarés e pola voceira nacional Ana Pontón.

Fernández Seco, que xa acompañou a González Albert durante os dous anos que estivo na alcaldía, foi o encargado de presentar o acto, facendo un breve repaso polo traballo levado a cabo polo seu equipo. Coa paixón que o caracteriza, Avelino falou con sentimento, recoñecendo que foron dous anos complicados pero nos que aprendeu moito ao lado de María.

O seguinte en falar era Iago Tabarés quen explicou algunhas das propostas que defenderá para A Rúa e a comarca desde o Congreso. “Valdeorras, igual que o conxunto de Ourense, precisa infraestruturas que vertebren este territorio, como a A-76, precisa que a circunvalación sexa unha realidade e que a OU-533 se converta nunha vía de altas prestacións”, indicou a modo de exemplos. O candidato ao Congreso por Ourense fixo fincapé no apoio aos sectores produtivos da zona, en particular o vitivinícola “con garantías de rendas para os produtores”. A mellora dos servizos públicos de calidade, sobre todo en sanidade e educación, así como as medidas transversais para frear a sangría demográfica están entre as prioridades do candidato a partir do 28A. “Precisamos un cambio radical e iso pasa pola confianza nas propias forzas para defender os intereses desta provincia no Congreso”, concluíu.

 

A candidata nacionalista á da Rúa, María G. Albert.

 

No seu turno de intervención, a voceira nacional Ana Pontón, pediu o apoio a veciñanza da Rúa “para que María Albert sexa a próxima alcaldesa tras demostrar os dous anos que estivo como rexedora a capacidade do BNG para facer política doutra maneira, desde un proxecto con ideas e impulso, capaz de poñer en marcha un cambio transformador deixando atrás tantos anos de caciquismo, de dilapidar recursos públicos e de mal goberno”.

No acto de presentación da candidatura, Pontón salientou “a oportunidade de dar un salto adiante da man do BNG” na cita electoral do 26M, “pois somos unha forza cun modelo propio de política municipal de éxito capaz de mellorar a vida das persoas e de avanzar en positivo en lugares que, como A Rúa, parecían varados no tempo”. Ademais de pedir o apoio para a lista que encabeza Albert, a líder nacionalista lembrou que a veciñanza da Rúa ten diante as eleccións xerais do 28 de abril e convidou a optar polo Bloque para que Valdeorras e Ourense recuperen voz propia no Congreso. “Moita xente botou de menos ao BNG en Madrid defendendo os intereses do país, con independencia de a quen votasen, pero que saben da importancia de ter voz propia no Congreso”, argumentou.

A encargada de pechar o acto era a candidata. Diante dos seus veciños, María lembrou algúns dos logros conseguidos durante o seu paso pola alcaldía, destacando que “os veciños da Rúa, lembraron ou descubriron ás veces (ou iso espero), que no Concello estaba a base do poder municipal, non nun restaurante ou nunha panadería. Intentamos e creo que o conseguimos, que o Concello estivera aberto a todos independentemente da cor política, para poder debater os problemas coa administración local, solventalos cando se podía e cando non non, pero explicando sempre por que si ou por que non. Intentamos ter e creo que tamén o conseguimos, unha xestión transparente, traballamos moito na comunicación institucional para que os rueses tiveran conciencia do que se facía e non se facía no Concello”.

 

María González Albert durante a súa intervención.

 

Con respecto ao futuro, a candidata nacionalista asegurou que “recuperar a autoestima que perdemos como pobo na Rúa, entendo que é o elemento clave para poder saír deste pozo no que nos ten sumido a Deputación”, adiantando que “temos que facer políticas que redunden na mellora das condicións da cidadanía da Rúa de o que iniciamos hoxe é un paso máis no camiño que empezamos hai moitos anos e que hai catro tivo ese punto de inflexión coa chegada ao goberno municipal. Para levar a cabo estas cuestiónns hai dous elementos. Por un lado o equipo e por outro o proxecto, e nós temos as dúas cousas”.

O equipo, formado por once persoas e sete reservas que presentou unha a unha, “está cohesionado, ten os pés na rúa e creo que conseguimos ter representación de todo o concello e de todos os estratos sociais”. Hai xente de Roblido, de Somoza, da Estación, da Rúa Vella, de Vilela, de todas as parroquias e barrios. “Temos xente emprendedora, autónomos, obreiros, pensionistas, estudantes,… e todos traballando por un obxectivo común que é mellorar a vida de todos os rueses”.

Con respecto ao proxecto, María ten claro que “unha das claves do mandato que vén é traballar pola Rúa do futuro, deixar de pensar que calquera tempo pasado foi mellor”, traballando sobre catro piares fundamentais. Un deles é a participación cidadá, “falta asociacionismo e iniciativas que colaboren para facer cousas, non todo ten que ser iniciativa municipal”; outra o Camiño de Inverno, “que se o sabemos aproveitar será unha fonte de riqueza e desenvolvemento para situar á Rúa no mapa, unha das nosas bazas de futuro”, dixo María. Completan a súa aposta “aproveitar que A Rúa é a capital do godello, e seguir sendo a vila dos servizos”.

Lista BNG A Rúa 2019:

  1. María González Albert.
  2. Avelino Fernández Seco.
  3. Germán Alejandre Salgado.
  4. Marcos Fernández González.
  5. María Patricia Rodríguez Núñez.
  6. Vanesa Corcoba González.
  7. Roberto Quiroga López.
  8. Elena Nogueira Pérez.
  9. José Barrio López (Tropas).
  10. Marisa Nogueira Nogueira.
  11. Manuel Anxo Durán Blanco.

Reservas:

  1. Fernando Rodríguez Díaz.
  2. Auria Pérez Blanco.
  3. Manuel Sánchez Rodríguez.
  4. Antonia González González.
  5. Francisco José Núñez Sánchez (Fuco).
  6. Eva María Fernández Vega
  7. Jorge Rodríguez Estévez.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button