En portadaOurenseÚltima hora

María Neira, directora de Saúde Pública da OMS e con orixes valdeorresas, Premio Ourensanía

O galardón, que concede a Deputación de Ourense, seralle entregado o vindeiro 11 de novembro

María Neira, de orixe valdeorresa.

 

María Neira, de orixe valdeorresa e directora do Departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente da Organización Mundial da Saúde (OMS), será a persoa distinguida co premio Ourensanía 2020. Así o vén de anunciar o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. O Premio Ourensanía é un recoñecemento honorífico que a Deputación de Ourense entrega cada mes de novembro a aqueles ourensáns vinculados á provincia que destacaron nas súas facetas profesional, social ou intelectual.

O xurado, que adoptou a súa decisión por unanimidade destaca “o gran labor que a doutora Neira está a desenvolver en ámbito divulgativo e de concienciación sobre a pandemia do COVID-19 desde a sede central en Xenebra”.

 

María Neira no 2003, ano que no que foi pregoeira das Festas do Cristo do Barco.

 

María Neira, cuxo pai é natural de Xagoaza (O Barco), estudou medicina na Universidade de Oviedo e realizou os seus estudos de especialización de Endocrinoloxía en Francia. Exerceu con Médicos sen fronteiras en Centroamérica e posteriormente trasladouse coa ONU a Mozambique e Ruanda. Ingresou na Organización Mundial da Saúde (OMS) como directora do departamento de Prevención e Erradicación de Enfermidades Infecciosas.

 

Reunión do xurado do Premio Ourensanía 2020.

 

Tras isto, en 2002, foi nomeada presidenta da Axencia Española de Seguridade Alimentaria, trasladándose a Madrid. Poucos anos despois regresou a Xenebra para continuar o seu traballo na OMS, xa como directora do departamento de Saúde Pública e Medio Ambiente. Entre os premios que recibiu figuran a “Orde do Mérito Nacional” (Goberno da República Francesa, 2006); o Premio Príncipe de Asturias de Cooperación Internacional á OMS (Fundación Príncipe de Asturias, 2009) que recolleu xunto a Margaret Chan, e o Premio ” Woman” (2015) recibido de mans da Raíña Letizia, recoñecementos aos que une este ano o Premio Ourensanía (2020).

Manuel Baltar destaca que con este premio “a Deputación de Ourense distingue a unha das personalidades máis importantes do mundo no ámbito do COVID-19, un recoñecemento que recae en María Neira pero que, a través dela, faise extensivo a todas as persoas, colectivos e organizacións que, como a OMS, loitan no mundo contra a pandemia do coronavirus”, afirma o presidente Baltar, quen felicitou á premiada e trasladoulle que a provincia de Ourense “estará encantada de recibila o próximo 11 de novembro na gala de entrega do Premio Ourensanía para facela entrega do galardón”, gala que se celebrará, como vén sendo tradicional, no Teatro Principal da capital ourensá.

 

Artigos relacionados

Back to top button
Close