En portadaÚltima hora

María Páez, a única concelleira socialista en Viana, presentarase á alcaldía no pleno deste mércores

A sesión plenaria para nomear ao novo alcalde será o mércores 12 de xaneiro ás 12 horas

María Páez, a única concelleira do PSOE en Viana do Bolo. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

O 30 de decembro de 2021, cando se cumprían 16 meses do seu acceso á alcaldía, o rexedor de Viana do Bolo, Abelardo Carballo emitía un comunicado no que anunciaba a súa renuncia ao cargo, para cumprir co pacto de goberno co PP.

Así, o vindeiro mércores 12 de xaneiro, ás  12 horas celebrarase o Pleno para nomear ao novo alcalde. Segundo o pacto de goberno entre o Partido Popular e os concellleiros non adscritos, era o popular Andrés Montesinos quen debía acceder á alcaldía pero hoxe, a edila socialista María Páez (a única que queda, xa que os seus dous compañeros deixaron o partido para asinar a moción de censura) anunciaba que ela tamén se presentará á alcaldía.

“Xa falei coa secretaria municipal para anunciarlle que me vou presentar”, adianta Páez, explicando que ten as contas xa botadas. “Agora mesmo hai 1 concelleiro do PSOE, 4 do BNG, 4 do PP e 2 non adscritos, e eu para presentarme á alcaldía teño que contar con seis apoios (maioría). No momento do Pleno pedirei que a votación sexa en urna e aí espero que as miñas negociacións den froito e conte cos votos que necesito para ser alcaldesa”, asegura.

 

 

Con respecto ao goberno, a concelleira socialista teno claro, “os presupostos para este ano 2022 xa están aprobados e despois, quedan tres meses para as eleccións e será a forma máis bonita de demostrar aos electores como podo ser alcaldesa e gañar a maioría absoluta nas eleccións de 2023. Aquí nacín, crieime e vivín toda a miña vida e se decidín dar este paso é porque penso que vai saír para adiante”, conclúe María Páez.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button