EconomíaEconomíaÚltima hora

Maridaxe de godello, gastronomía e música na II Velada dos Sentidos de Godeval

Está prevista para o vindeiro 7 de xullo nos xardíns desta adega barquense en Xagoaza e contará coa presenza da cantante galega Loli Nogueira
Imaxe da primeira edición da “Velada dos Sentidos de Godeval” en Xagoaza./ Foto: Carlos G. Hervella.

Entre viñedos, na zona barquense de Xagoaza, desenvolverase o vindeiro 7 de xullo a II Velada dos Sentidos de Godeval. É unha proposta singular, cunha moi boa acollida na súa primeira edición, e que aposta por engarzar o desfrute dos viños desta adega (100 % godello) coa música. Neste caso a cita contará coa cantante galega Loli Nogueira e co seu espectáculo “El sentimiento del jazz”. A través del faranos sentir “as raíces da música jazz cunha voz moi persoal e con adaptacións de grandes temas e doutros propios”, adiantan dende a adega. Neste concerto estará acompañada por unha banda de 6 músicos.

Con este evento Godeval “quere apoiar aos novos músicos e compositores que están xurdindo no panorama nacional. A idea é continuar con este ciclo de concertos que empezaron o ano pasado e poder traer a Valdeorras artistas que están despuntando polos seus traballos musicais”, explican dende esta adega barquense.

 

A cantante galega Loli Nogueira.

A entradas para asistir a esta velada estarán á venda a partir do 14 de xuño e ata o día 4 de xullo na sede desta adega en Xagoaza (O Barco) e tamén nas tendas Ton e Son, Perfumería e Estética Pamen, Moda e Complementos Can-Can do Barco. O prezo de entrada ao concerto é de 15 €/persoa. Os membros do Club de Amigos de Godeval teñen un prezo especial de 12 €/persoa.

Nesta velada poderán adquirirse os viños de Godeval por copa ou botella e tamén se ofrecerá a posibilidade de comprar comida elaborada por un restaurante da zona e cócteles feitos a base das aguardentes e licores de Godeval por cocteleiros de primeiro nivel de Galicia.

Artigos relacionados

Back to top button