EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima horaViticultura

Maridaxe perfecta entre godello, jazz e paisaxe vitivinícola en Xagoaza (O Barco)

Máis de 150 persoas desfrutaban na noite do 7 de xullo da II Velada dos Sentidos da adega Godeval

Cun brinde de godello sobre o escenario iniciábase o concerto de Loli Nogueira na II Velada dos Sentidos de Godeval na noite do 7 de xullo en Xagoaza (O Barco). A cantante galega xuntaba a súa copa coas dos dous músicos (batería e guitarra) que a acompañaban nunha noite moi especial na que os sons do jazz, mesturados con outros rexistros como o pop, se fundían co viño, coa gastronomía e coa coctelería.

Nogueira era presenada pola responsable da Adega Godeval, Araceli Fernández, quen expresaba o seu agradecemento ás máis de 150 persoas que asistían e este evento e tamén ao equipo que fixo posible a súa organización. “Pasamos a proba”, dicía, cun sorriso, aludindo á treboada que dificultaba a media tarde a montaxe  do material e das mesas no xardín desta adega, rodeado polo magnífico marco dos seus viñedos.

A partir de aí comezaba un recital no que Nogueira interpretaba versións de coñecidos de temas como “Perfect” de Fairground Attraction, “Back to Black” de Amy Winehouse, artita que confesaba que “foi unha pedra de toque que me marcou”; “Imagine” de John Lennon ou pezas de Ella Fitzgerald. Xa na recta final soaba “I will survive” de Gloria Gaynor. Loli Nogueira despedíase interpretando a cappella o coñecido poema de Rosalía de Castro “Negra sombra”.

Este concerto, que comezaba pasadas ás dez e media da noite, era un dos referentes desta II Velada dos Sentidos, pero non o único. Dende as oito da tarde os participantes podían degustar viños godello de Godeval, acompañados dunha gran diversidade de tapas como “salmorejo cordobés”, tomate con mozzarella e anchoas ou lacón cocido con pemento asado do Bierzo, entre outras. Estaban elaboradas polo restaurante barquense “Il Piacere”.

Non faltaban tampouco, a modo de sobremesa, as filloas doces recheas, e a coctelería realizada polo prestixioso cocteleiro Diego Mosquera, con propostas como o “Basilicum”, “Godeval Fizz” ou o “Mojito de café”. Cada un destes cócteles tiña entre os seus ingredientes augardentes ou licores de Godeval. Esta exitosa segunda Velada nos Sentidos prolongábase ata a madrugada.

Fotos: Carlos G. Hervella

Máis fotos:
https://www.osil.info/a-ii-velada-de-godeval-en-imaxes/

Artigos relacionados

Back to top button
Close