Publicidade
PolíticaÚltima hora

Marina Ortega: “Non podemos facer atractiva unha provincia se non temos servizos no rural”

A cabeza de lista ourensá do PSdeG aposta por "un impulso político e económico de forma transversal" para reverter a situación provincial

Marina Ortega, que lidera a candidatura socialista por Ourense, nun dos mitines da campaña do 12X./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Tras a súa experiencia na política local e máis recentemente na estatal, como deputada socialista por Ourense no Congreso, Marina Ortega afronta con ilusión as súas primeiras eleccións galegas liderando a candidatura do PSdeG na provincia. Está convencida de que o cambio é posible en Galicia e de que a provincia de Ourense pode ser determinante no mesmo.

Ortega critica os anos de goberno de Feijóo á fronte da Xunta e os seus efectos, de xeito especial, en ámbitos como o da sanidade. “No Hospital de Valdeorras houbo recortes inasumibles para os veciños e logo está o símbolo da loita contra a sanidade no Hospital de Verín. Sabemos que a Xunta recortou máis de 500 camas durante estes 11 anos e no hospital en Ourense fixo que os nenos teñan que ser trasladados a Vigo para ser operados. Este tipo de recortes sanitarios ao final ofrecen unha visión de desamparo da nosa provincia”, asegura a candidata socialista.

“O que necesita Galicia é un impulso económico e un impulso en política de forma transversal”, engade, “non podemos loitar contra a despoboación de forma unilaterial nunha área, senón que debemos tocar todo: o emprego, a industria, o comercio, que é unha das nosas maiores potencialidades”. Neste senso, resalta a aposta do programa socialista por servizos públicos como sanidade ou educación, así como as medidas destinadas a reactivar o mundo rural, entre outras.

– ¿Que diferenza diría que ten esta campaña electoral con respecto a outras que vivira anteriormente?

Non hai diferenza en canto a que esta provincia estivo esquecida durante os sete anos nos que gobernou o PP no Estado e durante os 11 anos que estivo o PP na Xunta de Galicia. Ourense foi discriminada e esquecida por parte das políticas do PP. O que diferenza a estas eleccións é que sabemos que a Xunta ten competencias directas en industria, en comercio, sanidade e políticas sociais e hai moitísimas cousas que o goberno galego debería explicar, como por exemplo, por que durante todos estes anos recortou en materia de dependencia ou o proceso de privatización das residencias que fixo que os nosos maiores viviran momentos terribles nesta pandemia.

– ¿Como definiría a situación na que se atopa a provincia?

Temos que lamentar un retroceso moi evidente en materia económica, en políticas sociais e en sanidade. A provincia de Ourense lidera, non só o ránking da despoboación, senón tamén o dos peores salarios e o dos traballos máis precarios. E xunto a iso está a marcha da nosa mocidade, de varias xeracións que se perderon durante todos estes anos de desidia por parte da Xunta do PP. ¿Quen non ten un fillo, unha filla que se viu obrigada a facer as maletas na procura dun futuro porque aquí non hai oportunidades de traballo? Ese é o termómetro máis realista da realidade da provincia, todas as persoas que tiveron que marchar a outras cidades e a outros países a traballar, iso é o que de verdade amosa o estado dunha provincia e iso débese a unha falta de políticas de acción, de impulso económico para Ourense, que ten moitísimas potencialidades.

Esta é unha provincia única en termalismo, en denominacións de orixe vitivinícolas con ata 4, unha delas a de Valdeorras, e cun potencial extraordinario en canto a turismo gastronómico. Temos unha industria por potenciar, como é o caso da lousa, que necesita un impulso e outro tipo de industrias que necesitan de políticas con coñecemento do medio, do terreo onde pisamos.

Nós levamos un candidato, Gonzalo Caballero, un recoñecido economista a nivel internacional, que ten unha radiografía perfectamente deseñada, un mapa perfectamente articulado do que é Ourense, do que é a nosa provincia, sabe perfectamente que non é o mesmo falar das enerxías renovables e dos eólicos no Carballiño que na lousa en Valdeorras.

 

 

– ¿Cal é o proxecto que defende o partido socialista para mudar a situación?

O que necesita Galicia é un impulso político e económico de forma transversal. Non podemos loitar contra a despoboación de forma unilaterial nunha soa área, senón que temos que tocar todo: o emprego, a industria e tamén o comercio, que é un dos parámetros fundamentais do PIB na nosa provincia e vimos como nos últimos anos o 30% dos nosos comercios tiveron que pechar as súas persianas e isto co agravio da crise sanitaria. Tivemos que lamentar como saimos nos periódicos de todo o país, sendo a única comunidade autónoma de toda España na que a Xunta de Galicia non deu axudas directas aos autónomos en medio dunha crise, que era cando máis o necesitaban.

O goberno de España por primeira vez puxo sobre a mesa axudas directas aos autónomos, que son os grandes esquecidos de todas as crises, e ofreceu a máis de 10.000 autónomos da provincia de Ourense poder combater a crise a base do 70% da súa base reguladora. Tamén, coas máis de 20.000 persoas afectadas e axudadas a través dos ERTEs por parte do goberno do Estado de Pedro Sánchez, e todo este tipo de cuestións fai vislumbrar que hai dous tipos de política diferentes, que non é o mesmo que goberne un goberno que outro. Ao final, cando un goberno pon sobre a mesa axudas directas para os traballadores iso repercute nas súas vidas.

– ¿Que lugar ocupa o rural no proxecto do partido socialista?

Como todo debe ir nunha acción política de forma conxunta e transversal, non podemos facer atractiva unha provincia se non ten servizos no rural. Ourense posúe un 70% de masa forestal, queremos levar a cabo políticas específicas para o rural e darlle impulso a aqueles emprendedores que queren poñer en marcha un negocio no rural. Ademais queremos axudar a que todo isto sexa posible tamén a través da dixitalización.

– ¿Cal é o perfil das persoas que forman a candidatura que encabeza?

Na diversidade está o bo traballo e o éxito da coordinación. Nós levamos perfís moi diversos pero todos eles necesarios. Moitos procedemos da política local, como é o meu caso, que fun concelleira no Carballiño. Ao final a política local é a máis importante, onde máis se aprende, porque é onde máis oportunidade tes de estar en contacto cos veciños que son os que che van aportar a radiografía dos problemas e o diagnóstico para poder atallalos con solucións.

Ademais nós temos un candidato, Gonzalo Caballero que, a parte de ter un curriculum brillante,  é unha persoa con moitísima empatía social, que leva anos reuníndose con movementos de base e asociativos, que ao final son os que te ilustran de cales son as necesidades da nosa poboación. E creo que ese foi o gran erro que cometeu nestes anos o PP, ese afastamento das persoas, da xente. Terían que ser unha administración máis cercana á cidadanía e ter feito unha escoita aberta a todos os sectores para saber onde están os problemas e poder atallalos. Fronte a iso Caballero, se resulta elixido presidente da Xunta, vai ser un representante cercano ás persoas, tanto de Valdeorras como da provincia de Ourense como de todos os galegos.

 

 

– ¿A provincia de Ourense pode ser determinante para ese cambio de modelo político en Galicia?

Pensamos que si. A parte da sensación e da boa receptividade e acollida que nos está dando a xente ao longo de toda a provincia, temos uns datos obxectivos que son os resultados das eleccións do 2019, hai apenas uns meses. Nelas logramos os mellores resultados da historia do partido socialista en Galicia, pero ademais na cidade de Ourense conseguimos o mellor resultado do partido socialista de toda España en cidades maiores de 100.000 habitantes, e iso mostra que hai un gran voto progresista na nosa provincia.

– ¿Cre que a situación sanitaria actual pódelle afectar á participación o 12X?

Non vivimos nunca unha situación similar en ningunhas eleccións, realmente é incerto como pode afectar todo isto. E máis tendo en conta os rebrotes como os da Mariña, que non só afectan a esa zona, senón que psicoloxicamente inflúen en toda a nosa comunidade.

O que si é certo é que o PSdeG ofrece un proxecto, sólido, cun líder ao que, se a partir do domingo é elixido presidente da Xunta, non lle vai tremer o pulso para ofrecer políticas responsables, para tomar decisións nos momentos máis difíciles e para mobilizar os recursos que sexan precisos dentro das competencias da Xunta e coas partidas económicas necesarias para conter todos os rebrotes e toda esta pandemia da mellor forma posible, e sempre aliñados e perfectamente coordinados co goberno do Estado.

Texto: A.R.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close