DeportesÚltima hora

Mariñamansa acolle esta fin de semana o XI Octopus Hockey Festival

O programa combina a competición deportiva con actividades turísticas polas termas e polo casco histórico da cidade
Un momento previo á presentación do torneo de hockey.
Un momento previo á presentación do torneo de hockey.

O salón de plenos do Concello foi o escenario elixido esta mañá para presentar a XI edición do Octopus Hockey Festival (OHF). Este torneo internacional de veteranos organizado polo Club Deportivo Open de Ourense celebrarase esta próxima fin de semana no campo de Mariñamansa. Nel está prevista a participación de cinco equipos da categoría masculina e tres da feminina procedentes de Alemaña, Irlanda, Inglaterra, Escocia, Holanda, Austria, Francia ou Portugal, entre outros.

O acto contou coa presenza do alcalde da cidade, Jesús Vázquez, o edil de Deportes, Mario Guede, o vicepresidente do clube organizador, Alberto Estévez, o secretario do mesmo, Javier Valencia, e o responsable do evento deportivo, Francisco Masid. Todos agradeceron a colaboración institucional, tanto por parte do Concello como da Deputación.

A programación combina a propia competición deportiva en formato “todos contra todos” cun abano de actividades turísticas para dar a coñecer a gastronomía e o termalismo da cidade aos participantes. Así, contémplanse escapadas á piscina termal da Burga e saídas polo casco histórico para degustar as tapas que dan renome á gastronomía local.

O torneo desenvolverase durante a xornada do sábado. O domingo haberá un partido de exhibición de equipos femininos e, para finalizar, a entrega de premios terá lugar ás 14 horas nas instalacións de Mariñamansa.

Texto e foto: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button