Publicidade
PolíticaÚltima hora

Marisol Díaz: “Todo o noso programa en canto á reactivación económica vén marcado pola situación poscovid”

A ex delegada territorial da Xunta en Ourense repite como cabeza de lista do PP na provincia nas eleccións do 12 de xullo

Marisol Díaz, cabeza de lista por Ourense do PP./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ilusionada, pero tamén con cautela ante as enquisas máis optimistas que vaticinan unha nova maioría absoluta do Partido Popular, Marisol Díaz Mouteira afronta os últimos días de campaña das eleccións galegas do vindeiro 12 de xullo. Lidera por segunda vez a candidatura popular nestes comicios, algo que considera un “orgullo, especialmente porque é a primeira vez que un candidato repite encabezando a lista ourensá. Supón unha gran honra que, tanto o presidente Feijóo como o presidente provincial, confiaran de novo en min. Ademais asúmoo como unha maior responsabilidade porque confiouse nun traballo e espero seguir dando a talla nese traballo”.

Díaz Mouteira pídelle aos ourensáns que “volvan confiar de novo” no PP “porque sabemos o que queremos facer, sabemos a responsabilidade que supón saír deste momento complicado, temos o mellor xestor, o mellor líder, que é Alberto Núñez Feijóo, que o ten demostrado con creces. Creo que o que quere Ourense e Valdeorras é un goberno unido e responsable, con experiencia e non un experimento de gobernos, unha lea de siglas”.

– Esta campaña presenta uns condicionantes especiais que nada ten que ver con outras anteriores…

Si, cambia moitísimo, é totalmente diferente. Cando iniciamos a precampaña anterior nin por asomo teríamos imaxinado que puideramos percorrer a provincia sen poder saudar á xente, sen poder darlle unha aperta, sen ese contacto directo que é o mellor para escoitar, para entender o que che din. Iso é o que falta nesta campaña, pero todos nos adaptamos, aínda que é difícil ver á xente con esa distancia con esas mascarillas nas que nin sequera podes distinguir o sorriso que che pode dedicar alguén ou o que ti lles podes dedicar como mostra de cariño. E, aínda que sexa con esa distancia de prudencia e de responsabilidade que debemos gardar todos, temos unha mensaxe que trasladar, xunto cunhas propostas, para todos os ourensáns. E iso é no que nos temos que centrar neste momento.

 

A candidata popular, intervindo nun mitin./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

– ¿Cales son esas propostas para a provincia?

O programa está condicionado pola situación que estamos vivindo, cunha crise sanitaria da que aínda non saimos e que trae consigo unha crise económica e social. Polo tanto, neste programa con carácter común temos que centrarnos, primeiro, no benestar dos ourensáns, nesas políticas de benestar social, é dicir, estar ao lado das familias que máis o necesitan, con programas como o Bono Concilia, cos menús solidarios, incrementar as horas de servizo de axuda no fogar, aumentar o “Xantar na casa”…

Hai que estar ao lado dos autónomos, das pequenas e medianas empresas, a través de axudas directas que impulsen que se manteña ese autónomo co seu negocio ou esa Peme, que poidan adaptar os seus espazos, que poidan reconverter as súas producións, que se garden esas medidas de seguridade e de hixiene… Todo o programa en canto á reactivación económica vén marcado pola situación poscovid, porque temos que recuperar a situación na que estabamos no mes de marzo, antes de que empezase a pandemia, que era unha situación de crecemento.

Durante a pandemia tamén vimos o importante que é a tecnoloxía e hai que estar ao lado da empresa, dos autónomos e da sociedade en xeral coa dixitalización, coa innovación.

– ¿E con relación a Valdeorras?

Imos seguir apoiando á lousa, velando pola seguridade e a saúde de toda a xente que é fundamental e que traballa neste sector, con programas novos en relación a esa compatibilidade entre lousa e medio ambiente. Continuaremos traballando coa estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas, pola D.O. Valdeorras, que é fundamental xa que constitúe un motor económico importantísimo. Esa é a forma que temos de traballar, de saber a potencialidade que teñen as comarcas como Valdeorras co enoturismo que está en auxe. O turismo é traballo e emprego, tamén o viño e iso é o que temos que seguir explotando.

Seguiremos mellorando infraestruturas como as educativas. No Colexio Condesa de Fenosa do Barco fixemos unha rehabilitación integral con máis de 630.000 euros, tamén a pista cuberta que tanto se demandou por parte do CEIP Julio Gurriarán, con 450.000 euros, e ese é o camiño que temos que seguir, aínda nos queda moito por facer.

En canto ao hospital de Valdeorras, estes días veño de moitos debates e o único que se di neles é que imos pechar os hospitais comarcais, e nada máis lonxe da realidade. Nestes últimos anos no Hospital de Valdeorras aumentouse en 5 facultativos, en 27 sanitarios non facultativos, fixéronse melloras en laboratorio, urxencias, equipos de anestesia, de xinecoloxía, de esterilización, de farmacia… Dende o pasado mes de xaneiro, todos os concellos do distrito sanitario de Valdeorras dispoñen dun servizo de hospitalización a domicilio, dotado cun médico xeriatra e dunha enfermeira destinados a este fin a tempo completo.

E logo están as reformas nas áreas de consultas, de oncoloxía, de cirurxía maior, a actividade que hai. En canto ás actuacións en marcha, está a reforma da área de consultas externas, licitada dende decembro de 2019, a reforma do hospital de día de oncoloxía e da área de dixestivo e máis de 500.000 euros que van ir en equipamentos, por iso creo que son feitos que confirman que nós apostamos pola sanidade en toda a área sanitaria. ¿Que temos que mellorar? Por suposto e así o faremos nesta lexislatura.

 

Foto cedida.

 

– ¿Cal é o perfil das persoas que forman parte da candidatura que encabeza?

A verdade é que unha lista moi completa. Somos homes e mulleres con ilusión, neste momento con moitísima responsabilidade, e que coñecemos o traballo no goberno, coñecemos a administración autonómica, eu en concreto son funcionaria como outros compañeiros. Hai outros candidatos que coñecen o traballo parlamentario e logo algo que eu poño moitísimo en valor porque creo que é fundamental: os compañeiros que se incorporan dende a xestión local.

A xestión local é a máis bonita, tamén a máis complicada, e a máis cercana ao cidadán, ao día a día, estás tomando un café e un veciño trasládache unha necesidade… E aí temos a José Antonio Armada que foi alcalde de Bande; Gabriel Alén, alcalde de Cenlle; José Luis Ferro, que foi alcalde de Celanova. Penso que á hora de traballar dende a Xunta de Galicia son os que mellor poden trasladar esas necesidades do día a día, desas pequenas cousas que melloran sobre todo o rural, que é algo no que temos que seguir traballando, porque fixemos moito, pero temos que seguir facéndoo.

– ¿Que obxectivos se marcan en canto a resultados na provincia de Ourense?

En calquera actividade o obxectivo é manterse, e cando non, mellorar. Neste caso, a pesar das enquisas que, día a día vemos nos medios de comunicación, a pesar de que ás veces te atopas con amigos ou con xente anónima que se achega e che di que están contentos coa xestión que se está facendo, co goberno de Feijóo, eu creo que de todo iso non podemos fiarnos.

Eu son unha persoa que intento ser prudente, ter os pés na terra, nunca facer de menos ao que temos ao lado, porque todos á nosa maneira temos un programa para a nosa provincia, pero evidentemente eu creo no meu, creo que é o mellor porque así o temos demostrado. E iso é o que quero trasladar neste días á xente, que levo 11 anos traballando nun proxecto, que quero seguir traballando nel, porque demos estabilidade, servizos, benestar… Pero teño que ser prudente, a enquisa definitiva será o día 12 de xullo, no que os ourensáns valorarán esta xestión e espero que teñan en conta a planificación, a boa xestión e a unidade dun goberno que non ten que depender de ninguén para traballar por unha provincia como é Ourense.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close