EntrevistasÚltima hora

Mariví Núñez: “Son e seguirei sendo voluntaria de Cruz Vermella”

Tras case trinta anos na organización, esta enfermeira e cooperante barquense poñíase en maio deste 2021 á fronte de Cruz Vermella Valdeorras, dende onde seguirá traballando para “axudar a calquera persoa que esté en situación de necesidade”

Mª Victoria Núñez Fernández, durante a entrevista.

 

Axudar, na medida das súas posibilidades, a quen o necesita forma parte do ADN de Mariví. Por algo é enfermeira de profesión e vocación e tamén cooperante internacional. E precisamente por iso non sorprende que forme parte de Cruz Vermella, organización na que atopou o medio perfecto para levar a cabo esa actividade altruísta.

María Victoria Núñez Fernández, barquense de pro, entrou na organización no ano 1993, recén rematada a carreira de Enfermería, e xa non o o deixaría. “Daquelas facíase o servizo militar substitutorio en Cruz Vermella (Aurelio Blanco era o presidente) e a formación que se lle daba a esas persoas facíase dende Valdeorras impartida por profesionais da zona, entre eles eu”, conta Mariví como a coñece todo o mundo. Ese era o seu primeiro contacto e a raíz deses cursos quedaba como voluntaria, “unhas veces máis activa e outras menos, pero sempre estiven cando se me necesitaba ou requería a miña axuda”, conta, engadindo que cando entrou Maximino Alonso de presidente hai 11 anos pasou a formar parte do comité comarcal como vicepresidenta, estando tamén como vogal no comité provincial.

Durante ese tempo foi tamén cooperante coa FUDEM (Fundación para o Desenvolvemento da Enfermaría) no apartado de formación e capacitación, desempeñando o seu labor en Nicaragua, Níger e Haití (dúas veces en cada país) “onde había unha necesidade de formación dos profesionais da saúde, sobre todo en emerxencias”, explica, recoñecendo que agora está centrada no seu traballo e en Cruz Vermella Valdeorras onde ademais de ser voluntaria é tamén presidenta.

En maio deste ano collía o relevo de Maximino Alonso, con que obxectivos tomaba posesión do cargo?

Os obxectivos son os da propia institución, axudar a calquera persoa que esté en situación de necesidade, sexa de onde sexa e veña de onde veña, sen importar, sexo, relixión ou idade. Poden acercarse a Cruz Vermella, valórase esa necesidade e dentro das posibilidades préstaselle a axuda que nese momento é imprescindible. Agora mesmo por cuestión do Covid aínda que temos un circuíto na sede para que non se cruce a xente e dispoñemos de varias salas e medios de protección, canto menos xente se acumule mellor polo que, a non ser que se trate dunha emerxencia, sempre é mellor concertar unha cita. O horario de atención é de 9:30 a 19 horas de luns a venres (este día ata mediodía). Tamén dispoñemos dun teléfono en caso de emerxencia.

 

Marivi co equipo de Cruz Vernella Valdeorras, na sede (Casa do Río Cigüeño, O Barco).

 

Como se estrutura a asemblea comarcal?

Temos un comité formado polo presidente que agora son eu, tres vicepresidentes e vogais entre que os que figuran moitos dos voluntarios que prestan axuda á asemblea. Despois temos sete traballadoras neste momento para os diferentes programas (de acollemento, cooperación, plan de emprego, atención ás persoas maiores e apoio escolar). Algunhas están a media xornada pero trátase dun equipo multidisciplinar. Todas controlan o funcionamento de todos os programas e desenvolven un papel moi importante non só como traballadoras senón tamén como voluntarias.

A pesar da situación o tecido de voluntarios mantense. ¿Que hai que facer para ser voluntario de Cruz Vermella?

Hai xente que o vai deixando por diferentes motivos pero uns marchan e outros incorpóranse e teño que destacar o feito de que tivemos un incremento e moitos son xoves que se preocupan de que hai persoas da súa idade con carencias e implícanse. É fantástico ver que a mocidade é solidaria, que se preocupa pola situación e o máis importante, que se involucra. Nós estamos abertos a todos os que queiran vir. Teñen que pedir cita, cubrir un papel, cumprir uns requisitos que cumpre case todo o mundo e se é menor de idade traer unha autorización paterna asinada. E despois, segundo as características irán para un programa ou outro pero ao final somos como unha familia multidisciplinar e traballamos sempre en equipo.

A entrevista completa pode lerse no monográfico en papel do Periódico O Sil sobre O Cristo do Barco, neste mes de setembro.

Artigos relacionados

Back to top button