Deportes

Marta Míguez presenta unha ferramenta para a inserción laboral dos deportistas galegos de alto nivel

A secretaria xeral para o Deporte expuxo en Santiago o programa ‘Eu son DGAN’

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, vén de presentar o programa ‘Eu son DGAN’ que axudará aos deportistas galegos de alto nivel á súa inserción laboral, da man da Fundación ONCE. O acto tiña lugar na Cidade da Cultura de Galicia contando coa presenza da directora rexional de Inserta Empleo e Ilunion Empleo, Menchu Iglesias e dos deportistas, María Bernabéu e Borja Golán, en representación de todos DGAN.

Durante a súa intervención e tras facer un repaso pola súa experiencia persoal como deportista de alto nivel, a titular da carteira de Deporte dixo sentir “a necesidade de facer todo o posible para que o paso do mundo deportivo ao mundo laboral sexa máis doado”, así como a necesidade de acompañar aos deportistas de alto nivel “na busca dun futuro digno e acorde ás posibilidades de formación de cada un e cada unha coas ferramentas axeitadas”.

Segundo informou Marta Míguez, ‘Eu son DGAN’ é unha iniciativa que pretende chegar aos 356 deportistas de alto nivel de Galicia (6 deles con diversidade funcional), “aos de hoxe, aos de mañá, pero tamén aos de onte, a aqueles que nalgún momento foron DGAN. Queremos saber como están, a que se adican, se precisan axuda ou se están en disposición de axudar”, engadiu, describindo asemade o kit de presentación que recibirán todos os deportistas galegos de alto nivel composto por “currículo académico, deportivo, carta de recomendación e outros materiais que complementarán para unha maior visibilidade do programa”.

O convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral para o Deporte e as asociacións Inserta Empleo e Ilunion Empleo para a posta en marcha do programa ‘Eu son DGAN’ terá un importe de 194.770 euros (19.190 euros en 2017, 87.790 euros en 2018 e 87.790 euros en 2019) achegados pola Xunta. Pola súa banda, a achega da ONCE cuantifícase en 43.178 euros. Trátase de garantir a capacidade económica da asociación Ilunion Empleo e “poder levar a cabo os proxectos e programas de cooperación en materia de fomento da formación e o emprego de calidade entre os deportistas galegos de alto nivel durante e unha vez finalizada a súa traxectoria no ámbito deportivo”.

Artigos relacionados

Back to top button