DeportesÚltima hora

Marta Míguez recoñece o traballo das mulleres do deporte “en prol da igualdade efectiva”

A secretaria xeral para o Deporte estivo na mesa de debate organizado pola Asociación Deportiva Bosco sobre “Mullere e deporte: O camiño da igualdade”
Marta Míguez na mesa de debate.

A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, participou na mañá de hoxe, 20 de decembro, na mesa de debate organizada pola Asociación Deportiva Bosco titulada “Muller e deporte: O camiño á igualdade”. Alí, a máxima responsable do deporte galego compartiu mesa con outras representantes do deporte feminino de Galicia como a xogadora de fútbol sala, Beatriz Seijas, a xogadora de baloncesto Rebeca Navarro ou a xogadora de rugby, Ana de Uña.

Nas súas verbas, Marta Míguez fixo un repaso á historia do deporte feminino que “evolucionou gañando maior protagonismo”, dixo, como demostra que nos Xogos Olímpicos de Londres 2012, das 17 medallas acadadas por España, 11 foron de deportistas femininas, unha tendencia que continuou en Río 2016 con 9 medallas de mulleres das 17 totais, cifrou Míguez. Ademais apuntou que dos 21 deportistas españois que conseguiron gañar a tripla coroa (Europeo, Mundial e Xogos Olímpicos), 11 son mulleres.

A secretaria xeral identificou todos estes progresos co traballo de deportistas, xogadoras, adestradoras, árbitras, xuíces ou directivas que “buscan acadar os seus obxectivos no eido que libremente deciden e no que teñen dereito a pertencer a pesar de ser espazos orixinariamente reservados, con exclusividade e de xeito inxusto, aos homes ao longo da historia”.

Ao fío desta idea, a titular do departamento deportivo da Xunta de Galicia avogou por unha “igualdade efectiva, normalización e non diferenciación na que as mulleres e homes deben medirse polos seus méritos e capacidades e obter a mesma recompensa por eles”. “Unha igualdade que debe ser defendida tanto por homes coma por mulleres e desde todas as frontes posibles, desde todos os ámbitos, de xeito coordinado, transversal e colaborativo, porque é unha responsabilidade que nos afecta a todos e aínda que haxa moito camiño andado, queda moito por percorrer”,  enfatizou.

A titular de Deporte enumerou todas as actuacións que leva a cabo a Secretaría Xeral en pro da igualdade como a promoción en busca do incremento da participación feminina en todos os ámbitos do deporte desde a base á elite. Neste sentido indicou que o deporte federado engloba a un 21% de mulleres, o programa Xogade a un 34% e as bolsas a deportistas galegos de alto nivel benefician a un 33% de mulleres. Enumerando outras tantas iniciativas.

A secretaria xeral apuntou que “o deporte feminino forma parte de toda a nosa estratexia deportiva, non é un campo alleo ou paralelo”. Deste xeito salientou que “as políticas da Secretaría Xeral para o Deporte son para todos os deportistas e as deportistas e para mellora do deporte galego”. “É a a nosa misión continuar explorando todas estas vías e utilizar todos os instrumentos que a política deposita nas nosas mans para mellorar a sociedade na que vivimos”, concluíu.

Míguez cun grupo de rapazas deportistas.

Artigos relacionados

Back to top button