Galerías de fotosOurenseÚltima hora

“Mascaritas, o Entroido solitario” pon de relevo esta tradición do rural galego

A mostra fotográfica, de Xoán Crespo, estará no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, en Ourense, até o 18 de febreiro

O Centro Cultural “Marcos Valcárcel” acolleu na tarde de hoxe, 18 de xaneiro, a inauguración da exposición “Mascaritas, o Entroido solitario”. Porque, como cada ano por estas datas, este espazo expositivo da Deputación acolle unha exposición coa temática do Entroido “porque é traballo da Deputación a promoción e difusión desta festa tan nosa”, dixo o director do “Marcos Valcárcel”, Francisco González.

O autor desta serie fotográfica é Xoán Crespo explicou que o seu obxectivo foi o de amosar a súa visión persoal do Entroido tradicional “da xente común, que non busca a transformación, senón a ocultación e o anonimato”, explicou o autor.

Crespo detallou que se trata dun traballo “cunha visión onírica” e, para poder facer esa impresión do mundo dos soños, o autor empregou as horas do luscofusco. Tamén remarcou que ese “anonimato” permítelles que cada un deles, dixo, “represente a súa aldea, que non sendo ninguén, represente a todos”. Xoán Creso non deu máis detalles xa que “cada un ten que ver por si mesmo ese anonimato e esa representación das Mascaritas”.

En canto ás súas visións persoais e vivencias mentres facía este traballo, en declaracións a este xornal contou que cando estaba a facer os traballos, o que máis lle sorprendeu foi “o dentro do papel que estaba a xente” e que cando conseguiu falar con algún deses retratados, explicou que lles contaban que “nin os meus amigos saben quen son”. En concreto explicou que nesas aldeas os personaxes que vestían as “Mascaritas” saían vestidos, “logo cambiábanse como un ser humano normal e ían cos seus amigos” e, pasado un tempo “volvíanse vestir e volvían meterse coa xente”.

Na presentación tamén estivo o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, que salientou a importancia que en o Entroido na provincia. Doval o cualificou como “un dos nosos sinais de identidade como pobo, que sitúan á provincia como un referente a nivel nacional”. O deputado dixo que esta mostra fotográfica “ten unha magnífica calidade” e reiterou que describe a realidade “e métenos de cheo no que representa”.

A mostra estará no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” até o 18 de febreiro e a entrada é totalmente libre.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button