ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Masiva afluenza ao Magosto de San Xoán de Río

Duascentas persoas asistiron ao evento que incluíu unha ruta e a actuación musical dos Bertolini

Coma no resto da provincia, o día de San Martiño converteu a San Xoán de Río nunha gran festa ao redor da castaña. Este ano, a principal novidade foi que a Asociación Cultural RíoMola complementou o Magosto que vén realizando e organizando o concello de San Xoán de Río ano tras ano, cunha andaina previa e coa actuación dos Bertolini de Manzaneda.

Ás 16h. partiu da praza Pedro Fernández un roteiro de 8 quilómetros que contou cunha asistencia de 30 persoas. O comezo foi neutralizado ata o novo mirador instalado na Ruta da Fraga, onde se fixo a foto de grupo e deuse o pistoletazo de saída real para percorrer a zona máis bonita e esixente do percorrido entre castiñeiros centenarios.

Tralo remate da ruta chegou a hora do magosto. Os encargados de animar aos asistentes foron Os Bertolini de Manzaneda que comezaron a súa actuación na praza e tras unha breve parada no bar Cruceiro subiron ata o pavillón. Alí, os 200 asistentes deste ano degustaron de maneira gratuíta as castañas e chourizos preparados polos traballadores do Concello de San Xoán de Río, acompañados por viño e refrescos. Completaba o menú bica e licores. Durante máis de 2 horas Os Bertolini animaron sen descanso aos asistentes e moitos deles cantaron e bailaron ao seu ritmo ata a fin da festa.

Texto e fotos: Xosé Miguel Pérez Blecua.

Artigos relacionados

Back to top button