DeportesÚltima hora

Masterclass de boxeo co campión Jon Fernández, o 25 de xaneiro no Barco

O curso está organizado polo Club Kick Boxing Valdeorras e celebrarase a partir das 11:30h. no pavillón vello

O púxil vasco Jon Fernández.

 

A comezos de decembro de 2019 O Barco acollía con éxito a XI Velada de Boxeo Amateur organizada polo Club Kick Boxing Valdeorras e o Mamba Fight de Ponferrada; e neste mes de xaneiro de 2020 os afeccionados ao boxeo terán unha nova oportunidade de desfrutar deste deporte de contacto, da man de todo un campión.

O club barquense organizou para o o vindeiro sábado día 25 unha clase maxistral con Jon Fernández, “un dos mellores boxeadores profesionais españois actualmente”, di o responsable do club Juan J. Pardo, asegurando que “é todo un luxo poder contar con el na comarca”.

O curso comezará ás 11h. no pavillón vello do Barco e terá unha duración de dúas horas, estando dirixido aos practicantes da zona e tamén algún de fóra que se queira achegar.

 

Cartel da masterclass.

 

Natural do País Vasco, Jon Fernández está actualmente afincado en Ponferrada, onde combina os seus adestramentos no Bierzo Fitnnes Center dirixido por Diego Vázquez e en Madrid ás ordes de Tinín  Rodríguez. Foi campión de España de peso superpluma e ostentou o título WBC Silver do Consejo Mundial de Boxeo (WBC). Foi nomeado deportista revelación do ano 2016 polo diario Deia e tamén foi premiado polo diario El Correo como un dos mellores deportistas vascos do 2016 e do 2017. En setembro de 2019 sumaba un total de dezanove vitorias e unha derrota, chegando a adestrar ao mesmísimo Ricky Rubio (NBA, mellor xogador do último campionato do mundo de baloncesto) para traballar o xogo de pés, moi importante nun xogador de baloncesto.

Artigos relacionados

Back to top button