Adiantando os retos para o seu novo mandato e facendo balance da xestión anterior. Así encetaba o 29 de abril Salustiano Mato o seu discurso de toma de posesión de reitor da Universidade de Vigo, unha institución, dixo, que “ten un magnífico presente e un futuro prometedor, froito do traballo de moitas persoas a longo do seus 24 anos de historia”. Facíao tras recibir de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejóo, a medalla de reitor e o bastón de mando.
Así, entre os retos que acometerá nos próximos catro anos xunto ao seu novo equipo de goberno destacou o de que a Universidade de Vigo sexa “epicentro dunha economía baseada no coñecemento, onde o capital está supeditado ás persoas”. Ademais de ser unha institución que actúe como dinamizadora da sociedade na que se insire, que cree máis emprego directo e indirecto, que facilite a internacionalización das empresas, o reitor salientou que a Universidade debe seguir a optimizar recursos, mellorar os procedementos de xestión e redefinir a estrutura organizativo e mellorar a comunicación interna.
Incidiu asemade en que “debemos progresar no recoñecemento da docencia, que xunto a avaliación da calidade permitan definir unha oferta educativa de excelencia”, dixo o reitor que tamén se comprometeu a garantir que a organización académica contribúa decisivamente á formación integral dos estudantes, “a razón de ser da universidade”.
No que refire ao compromiso adquirido xa no anterior mandato en relación coa especialización dos campus e que e traduce no Vigo Tecnolóxico, o Campus da Auga de Ourense e o Campus Crea de Pontevedra, Mato avanzou a posta en marcha de tres clústers centrados no medio ambiente e a enerxía sostible, na investigación económica e xurídica e na lingua.
No acto tamén tomaba a palabra o presidente da Xunta, quen avogaba por seguir traballando por unha universidade accesible coa vontade de volver conxelar as taxas universitarias no curso 2014-2015, “volvendo así, un curso máis, a ser as universidades máis accesibles do Estado”. “Seguir traballando por unha universidade accesible, como o proba –indicou- o mantemento das taxas universitarias como as máis baixas de España ou o aumento do número de bolsas de axuda para paliar, na medida do posible, os efectos da crise nas familias”.