CulturaCulturaGalerías de fotos

A maxia da sétima arte envolve Verín

A II edición do Festival Internacional de Curtas  Vía XIV prevé máis de 60 horas de actividades ligadas ao cine

Dende o venres 1 ata o domingo día 10 de decembro, a vila do Támega acolle a II edición do Festival Internacional de Curtas. Un proxecto audiovisual organizado pola Asociación Cultural Vía XIV que ao longo dunha semana ofrecerá mais de 60 horas de actividades vencelladas á sétima arte.

O programa arrancaba o venres con actividades paralelas, pero era o sábado, 2 de decembro, cando tiña lugar a gala inaugural. Un acto, presentado polo actor verinés Tonho Salgado, que congregou a máis de 150 persoas chegadas dende diferentes puntos da provincia, presentáronse en detalle as liñas temáticas do festival e púxose en valor a relevancia dun certame, que espera achegar un retorno económico de máis de 150.000 euros para Verín e comarca.

Antes da inauguración oficial, os convidados asistían ao descubrimento dun mural que permanecerá de forma permanente na entrada do Auditorio de Verín. Obra do artista local Fernando Barreira (asesor de arte de deseño de decorados do FIC), está formada por sete paneis de gran tamaño que coforman unha alegoría á Vila do Támega. Unha vez dentro da sala de butacas, o presentador daba paso ao tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, quen sinalaba que “a xente de Verín fai gala dunha imaxinación de contundente fertilidade” que se manifesta, sobre todo, nas datas de Entroido. “Somos un pobo creativo e amante das artes”, afirmou. Xunto a isto, indicou que “o Festival de Curtas de Verín e a nosa aposta estrutural por entrar na linguaxe”do cinema porque “na nosa vila medramos mirando cara aos escenarios e levamos todos dentro un actor”. “E levamos dentro tamén un director e un guionista, e un maquillador e un director de escena, e un músico e un bailarín. Porque en Verín, somos xente de cine, non me cansarei de repetilo, en todas as súas facetas”, apostilou Lourenzo.

O seguinte en intervir era o director do FIC, Carlos Montero, quen fixo un percorrido polas novidades desta segunda edición do Festival que xirará ao redor das mesmas temáticas do ano pasado: Entroido, Fronteira e Emigración, tres conceptos moi instalados no imaxinario colectivo verinés. Se ben, os organizadores do Festival percatáronse, segundo sinalou Montero, de que era necesario reorganizar as categorías. Deste xeito, nace a categoría Horizontes como representación simbólica desa liña imaxinaria e invisible que é metáfora das migracións, na que participarán 10 curtas. Dada a singularidade do territorio verinés, (dividido pola “Raia”), non podía faltar no FIC Vía XIV unha categoría galego-portuguesa denominada A Raia. Nela poderase ver unha selección de 17 curtas de cineastas de Galicia e de Portugal. De igual xeito, a sección adicada ao Entroido recibe agora o nome de Outra Mirada e recollerá 12 obras que destrúen as regras cartesianas e crean espazos alternativos. Paralelamente, creouse unha categoría a maiores denominada Nova para “dar a posibilidade de concursar a diferentes pezas que non tiñan cabida nas outras categorías temáticas establecidas”. Nela concursarán 15 curtas.

En total, son máis de 60 horas, entre proxeccións e actividades paralelas ligadas ao cinema, as que compoñen a programación desta segunda edición do Festival. Como filme inaugural, proxectouse Os días afogados de César Souto e Luis Avilés, contando coa presenza, no Auditorio, de ambos os dous directores. O documental conta unha historia de fronteira e loita cívica que ten lugar na raia seca, nas aldeas de Aceredo e Buscalque. A resistencia dos veciños é filmada con cámaras doméstivas por eles mesmos e un deles, Paco Villalonga, protagonista do filme, tamén asistíu á estrea en Verín.

Entre os asistentes á gala de inauguración, estaban a deputada do BNG por Ourense, Noa Presas, a voceira nacional Ana Pontón e boa parte da corporación municipal de Viana do Bolo, ademais do deputado autonómico do PSdeG-PSEO, Raúl Fernández, entre outros.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button