DeportesÚltima hora

Medalla de bronce para o Tres Lunas DO Valdeorras no Campionato de Europa de Ultramaratón

Constantino Arias era terceiro en M60 na proba de BTT disputada esta fin de semana na localidade catalana de Vielha (Lleida)

 

Na xornada do sábado 26 de xuño celebrábase en Vielha (Lleida), a Pedals de Foc Non Stop MTB Ultramarathon 2021, un raid de BTT duns 213 quilómetros e un desnivel positivo de 6.200 metros con saída e meta no Val de Arán, no que participaba o equipo ciclista Tres Lunas DO Valdeorras logrando unha meritoria medalla de bronce, da man de Constantido Arias.

O corredor da Tres Lunas afrontaba o reto con boas sensacións tras terse proclamado, só unhas semanas antes, campión na proba do circuíto do Open de España de Maratón en Astorga. En Lleida, tras unha dura pelexa que se resolvía a poucos quilómetros do final, conseguía o terceiro posto en M60 “a piques de facerse coa segunda praza”, aseguran dende no club valdeorrés, destacando ademais a actuación do resto de corredores, Jorge Lorenzo, Antonio Javier de Oliveira, Fernando Lopes e Pedro Lobato “que fixeron top 20 e top 30 nas súas respectivas categorías”. E todo, sen esquecer o meritorio 6º posto do padriño da Escola de Ciclismo do Tres Lunas, Brandan Márquez, en categoría Elite.

 

O corredor do Tres Lunas, Constantino Arias.

 

“Estamos súper orgulloso de cada un dos corredores e do espírito de loita e diversión dentro dunha carreira tan dura, xa que son os valores que queremos transmitir dende a base á nosa Escola de Ciclismo”, asegura Pablo Diéguez, director do Tres Lunas, un equipo que dende o seu nacemento non parou de colleitar éxitos nacionais e internacionais a un ritmo que só freou a pandemia.

O seguinte reto será o 18 de xullo, no Campionato Galego de Maratón Bike Extreme, en Viveiro.

Artigos relacionados

Back to top button