Sen categorizar

Medalla de Ouro de Galicia para o persoal do dispositivo de vacinación contra o Covid

 

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe, na rolda de prensa do Consello, a decisión do Goberno galego de outorgar a Medalla de Ouro de Galicia 2021 ao persoal do dispositivo de vacinación. Logo de lembrar que en 2020 foron honrados os profesionais da sanidade galega implicados na atención aos pacientes covid-19, o presidente da Xunta incidiu en que “os profesionais que nos están axudando a saír do túnel a través da vacinación merecen un recoñecemento polo seu labor profesional, rigoroso, sistemático e certamente salientable desde o punto de vista de éxito loxístico e de organización”.

Nesta liña, e tras cualificar este dispositivo como “modélico”, o presidente da Xunta avanzou que “mañá chegaremos aos 3 millóns de vacinas dispensadas; máis de 1.750.000 galegos teñen pasado xa polos distintos centros de vacinación”. Galicia é a día de hoxe a segunda comunidade autónoma con máis porcentaxe de poboación vacinada cunha dose, superando xa o 70%; e tamén ocupa a segunda posición con máis poboación inmunizada, xa que o 54,1% dos galegos xa contan con pauta completa.

Feijóo puxo en valor o traballo dos equipos especiais de enfermaría que dirixen e coordinan o proceso; os equipos de citación, que son claves nun sistema tan complexo e novidoso; o persoal de enfermaría, de xestión e celador que organizou o sistema nos distintos puntos de vacinación; e o persoal sanitario implicado na farmacovixilancia e nos posibles efectos adversos.

A maiores, o presidente da Xunta tamén salientou o labor do persoal encargado de deseñar os sistemas informáticos e dixitais para organizar a campaña de citación masiva, os sistemas de rexistro e a expedición do certificado covid; os encargados da loxística e do reparto das vacinas; os traballadores dos servizos de admisión e de resolución de incidencias; profesionais da microbioloxía e investigadores; empregados dos recintos que se usan como puntos de vacinación masiva, e persoas que colaboran na organización do proceso, como policías ou voluntarios de Protección Civil.

Artigos relacionados

Back to top button