ConcellosEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

Medallas de ouro para Jose Albino Silva e Isabel Pardo na clausura da asemblea do Eixo Atlántico no Barco

Este acto, celebrado na tarde do 19 de febreiro, incluía ademais a actuación de alumnos do Conservatorio e da Escola de Música deste concello

Cooperación transfronteiriza entre administracións, máis e mellores infraestruturas e axudas europeas. Son as claves para o futuro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, tal e como se destacaba nas diferentes intervencións na clausura da asemblea xeral que o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular celebraba na xornada do 19 de febreiro no Barco.

O acto de clausura, que se desenvolvía no Teatro Lauro Olmo da vila, servía ademais para entregar as medallas de ouro desta entidade, que preside o alcalde do Barco, Alfredo García. Unha delas concediáselle a José Albino Silva Peneda, que ten sido ministro de Emprego de Portugal, deputado no Parlamento Europeo, presidente do Consello Económico e Social de Portugal e conselleiro principal do presidente da Comisión Europea, Jean Claude Juncker.

Tras recoller o galardón, Silva amosábase moi agradecido e honrado e iniciaba un discurso no que avogaba polo espírito europeísta, resaltando a importancia do proxecto de construción da Unión Europea e manifestando a súa satisfacción polo realizado, malia que “hoxe non vivimos momentos de euforia”. Poñía ademais en valor a iniciativa promovida anos atrás coa creación do Eixo Atlántico coa idea de “xuntar aos concellos que vivimos os problemas de a pé nun proxecto común merece un gran aplauso e por aí por onde se pode reconstruír o espírito europeísta de anos atrás”.

Ademais resultaba distinguida a enxeñeira de camiños Isabel Pardo de Vera, actual presidenta de ADIF, que se converte na primeira muller que recibe unha medalla do Eixo Atlántico. “Para min é unha auténtica honra recibila e non creo que sexa merecedora da mesma, pero aspiro a selo”, comentaba. Tiña palabras tamén para os seus compañeiros en Adif, “un gran equipo de profesionais que cremos no ferrocarril como elemento de cohesión social e territorial” e aludía aos corredores Atlántico e Mediterráneo de mercadorías. “Temos que ser conscientes da importancia desta última oportunidade de optar a fondos Feder 2021-27 e ser capaces de xestionar o impulso necesario, illándonos dunha demagoxia oportunista. Creo firmemente no corredor Atlántico”.

 

O alcalde do Barco e presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Sobre esta mesma cuestión incidía nas súas palabras o alcalde do Barco e presidente do Eixo, Alfredo García, quen lembrou as xestións realizadas dende esta organización para impulsalo e a súa inclusión nos mapas europeos o pasado xuño. “Pero non podemos pararnos aquí, é necesario que o 31 de xaneiro de 2021 Adif teña todo preparado para poder pedir os fondos europeos, temos que ir todos da man para que o corredor sexa este e non outro”.

Finalmente o acto, que estivo intercalado por tres actuacións musicais de alumnos do Conservatorio e da Escola de Música do Barco (do Ensemble de Saxofóns, que dirixe Manuel Prada, e do gaiteiro Mauro Docampo, acompañados ao piano por un dos profesores), pechábase coa intervención do vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, quen subliñou o valor da cooperación e “a oportunidade de ser territorios transfronteirizos, hai que ver isto como algo amplo, como unha ocasión para facer grandes cousas”, e louvou nese senso o papel do Eixo. Tivo tamén palabras para os premiados dos que destacou os seus méritos, e insistía tamén na relevancia de apostar polo Corredor Atlántico que apoiou Bruxelas.

Entre os asistentes estaban os rexedores de Lugo, Coruña, Ferrol, Pontevedra, Monforte, Vilamartín, Carballeda de Valdeorras, ademais do subdelegado do Goberno en Ourense e de alcaldes do Bierzo, entre outras autoridades.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Máis información e fotos:
https://osil.info/as-infraestruturas-e-o-corredor-atlantico-na-asemblea-xeral-do-eixo-atlantico-celebrada-no-barco/

Artigos relacionados

Back to top button