DeportesÚltima hora

Medallistas internacionais como Miguel Alvariño participarán no XII Trofeo ArcoBarco

A proba de sala celebrarase o 4 de novembro no pavillón de Calabagueiros do Barco de Valdeorras

Co mesmo formato dos últimos anos e co aliciente de contar con verdadeiros campións do mundo, se está fraguando o XII Trofeo Internacional ArcoBarco que se celebrará o sábado 4 de novembro no pavillón de Calabagueiros do Barco de Valdeorras.

Para presentar esta edición da proba de tiro con arco en sala, o Club ArcoBarco convocaba unha rolda de prensa que se desenvolvía na tarde do 28 de setembro no Edificio Multiusos contando coa presenza do presidente do club, Martín Gómez; do alcalde do Barco, Alfredo García; do Concelleiro de Deportes, Aurentino Alonso; e do arqueiro Miguel Alvariño, membro do Club Sílex e o primeiro español en gañar a final da Copa do Mundo de Arco Recurvo, que xa confirmou a súa presenza na proba do Barco da que se converteu en todo un padriño.

 

Presentación do XII Trofeo Internacional ArcoBarco.

Con apenas 23 anos, Alvariño acadou un nivel moi alto internacionalmente e ten no seu currículo numerosos trofeos, entre eles a medalla de ouro que lograba na Copa do Mundo celebrada en México no 2015, e leva asistindo ao trofeo do Barco dende que comezou neste deporte no ano 2008, sendo unha proba pola que sente un especial cariño. “Primeiro porque é en Galicia polo que xa é un pouco máis especial que outras, e tamén pola organización que se parece máis ás tiradas de Nimes ou Marrrakech, e por suposto polo trato do club cos tiradores que é espectacular”, dixo. O arqueiro coruñés agradeceu asemade ao Concello do Barco o apoio ao club e ao tiro con arco “porque creo que en Galicia hai moitos mozos que merecen máis xente que os leve ao máis alto. Hai deportistas con moito nivel, ilusión e traballo”.

 

O presidente do Club ArcoBarco, Martín Gómez Segura e o arqueiro Miguel Alvariño.

Na presentación, Martín asegurou que este evento que é valedeiro para a optención de estrelas FITA “está acadando un gran prestixio a nivel internacional e aquí téñense conseguido récords de España en varias ocasións e tamén un do mundo hai tres anos”, dixo. Ademais, dende hai uns anos, sempre conta con representación de arqueiros de diferentes partes do mundo e nesta ocasión contará cos dous números un do ránking mundial de arco composto: Stephan Hansen e Sarah Holst Sönnichsen de Dinamarca, ademais de varios arqueiros de Portugal. “A inscrición aínda está aberta así que pode que veña algún estranxeiro máis, xa que nos últimos tres anos tivemos atletas de Italia, Suíza, Bélxica, Finlandia, Portugal e España”. Co que conseguen, ademais de potenciar o deporte, promocionar a comarca “que nos coñezan máis aló das nosas fronteiras”, asegurou o presidente do ArcoBarco.

A proba comezará ás 10 da mañá para as modalidade de arco recurvo e arco composto na categoría sénior masculino e feminino.

Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información na vindeira edición de O Sil Deportivo.

Artigos relacionados

Back to top button