OurenseÚltima hora

775.000 euros para a mellora da área de Covadonga e redes de saneamentos

A Xunta prevé que a nova depuradora de Ourense comece o período de probas este mes
Beatriz Mato (esquerda) visitou esta mañá a Praza de Covadonga acompañada polo alcalde, Jesús Vázquez
Beatriz Mato (esquerda) visitou esta mañá a Praza de Covadonga acompañada polo alcalde, Jesús Vázquez (dereita).

A Xunta investirá aproximadamente uns 775.000 euros en melloras no Concello de Ourense, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. Así o avanzou a titular deste departamento, Beatriz Mato, durante unha visita realizada esta mañá á cidade das Burgas. O investimento irá encamiñado a realizar actuacións no marco do Plan Hurbe e a melloras no saneamento das augas. O alcalde do municipio, Jesús Váquez, foi unha das testemuñas deste anuncio.

Mato concretou que a consellería destinará un primeiro montante aproximado de 175.000 euros á realización dun proxecto de acondicionamento e mellora da Praza e a Alameda de Covadonga. Este plan ten como finalidade potenciar o uso das zonas públicas desta área, coa mellora das infraestruturas e o pavimento. Tamén se prevé un incremento dos elementos biosaludables e os xogos infantís. “Non só se trata de mellorar o aspecto da contorna, senón tamén facelo máis agradable para a vida social e pública”, destacou.

O Plan Hurbe, posto en marcha no 2010, contempla unha aposta pola humanización das vilas galegas, mellorando os contornos urbanos. Neste senso, e segundo cifras da propia Xunta, a provincia de Ourense obtivo preto do 50% das intervencións amparadas no devandito proxecto, que conta cun rzamento de 112 millóns de euros.

Por outra banda, a conselleira de Medio Ambiente tamén sinalou que se investirán 600.000 euros na execución de novas actuacións para mellorar a rede de saneamento en catro puntos do concello: o paseo do Tinteiro, na rúa Porteira, en Palmés (no tramo Burgo-A Burata) e en Os Viros.

Por último, dende a Xunta prevén que a nova depuradora de Ourense comece o período de probas ao longo deste mes. Esta infraestrutura incrementará a capacidade de tratamento da actual depuradora de Reza e na súa construcción investíronse 49 millóns de euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button