CarballedaConcellosÚltima hora

Medio Ambiente anuncia unha multa de 35.000 euros a Adif polos vagóns caídos ao Sil

As conselleiras Ángeles Vázquez e Ethel Vázquez visitaron o lugar dos feitos en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) nesta mañá de 6 de agosto

 

A conselleira en funcións de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez visitaron nesta mañá de 6 de agosto a zona do tren descarrilado en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras). Alí, Ángeles Vázquez anunciaba que Medio Ambiente notificou unha sanción de carácter grave contra Adif de 35.000 euros polos vagóns tirados á beira do Río Sil.

Ademais, a conselleira afirmaba que dende a Xunta notificaron aos ministerios de Trasporte e de Transición Ecolóxica que abrirían unha comisión de investigación. “Ao mesmo tempo anunciamos unha medida cautelar para que procedan o antes posible, cando teñan os permisos permanentes, a retirar os residuos. Ten que ser un xestor de residuos o que posteriormente se faga cargo dos mesmos”, defendía.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez.

 

“Entendemos que foi unha actitude, ao menos, sorprendente, xa que non houbo ningunha notificación á comunidade autónoma, ao Concello e a ningunha das xefaturas territoriais”, recoñecía. Ángeles Vázquez, ao mesmo tempo que cualificaba como “irresponsable e indignante que se realicen este tipo de accións e que a imaxe de Galicia sexa esta en vez dunha imaxe verde, de calidade ambiental e pasaxística”.

Na mesma liña, Vázquez insistiu en que nestes momentos a prioridade é que este material se retire da zona o máis rápido posible e se restauren os posibles danos ocasionados durante a súa caída pola pendente que separa a vía férrea do río, tal e como prevé a lexislación estatal e autonómica aplicable en materia de residuos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button