ConcellosÚltima hora

Medio Ambiente aportará 150.000 euros ao Consorcio de Augas de Valdeorras

Vén de asinarse un convenio entre a Consellería, a través de Augas de Galicia, e esta entidade ourensá
A conselleira de Medio Ambiente e o presidente do Consorcio de Augas de Valdeorras, asinando o convenio de colaboración.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará na xestión do saneamento do Consorcio de Augas de Valdeorras cun total de 150.000 euros. A titular deste departamente autonómico, Beatriz Mato, asinaba na mañá do 27 de decembro un convenio de colaboración xunto ao presidente desta entidade, Pablo Pérez. O acordo ten carácter retroactivo e estenderá a súa vixencia ata o 30 de xuño de 2017.

O Consorcio de augas de Valdeorras iniciou a súa actividade en xaneiro de 2013, logo de ser constituído pola Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e os concellos da comarca. Trátase dunha experiencia piloto da Administración autonómica para avaliar os custos reais da prestación dun servizo supramunicipal de depuración, que inclúa a explotación de pequenas depuradoras e fosas sépticas.

Actualmente, este servizo dá cobertura a uns 28.000 habitantes dos 9 concellos da comarca (O Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá, A Veiga e Vilamartín de Valdeorras). En total, baixo o modelo explótanse as estacións depuradoras de augas residuais de A Rúa e O Barco, outras 9 pequenas depuradoras que dan servizo a núcleos de poboación de menor entidade, e ata 160 foxas sépticas.

Artigos relacionados

Back to top button