ConcellosRubiáÚltima hora

Medio Ambiente aproba o primeiro PXOM de Rubiá

Entre as previsións do novo modelo de ordenación cómpre subliñar a determinación da capacidade máxima de uso residencial do municipio e a ampliación do sistema xeral de zonas verdes actuando sobre a contorna do campo de fútbol, principal lugar de esparexemento para a veciñanza

A conselleira de Medio Ambiente co alcalde de Rubiá, na sinatura do PXOM deste municipio.

 

Esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, vén de asinar a orde de aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do concello valdeorrés de Rubiá, un documento que “está chamado a guiar a evolución urbanística do concello durante os próximos 20 anos e que substituirá ao Plan Básico Autonómico polo que se rexía ata o de agora”, tal e como se indica dende esta administración autonómica.

En presenza do rexedor Elías Rodríguez, a conselleira subliñou que se culminan hoxe case 12 anos de traballo durante os que os redactores do plan xeral tiveron que estudar ao detalle os 100 km2 que abrangue o municipio, así como as 10 parroquias nas que se divide o seu territorio e se asentan os seus 1.393 habitantes.

Como principal obxectivo da nova ordenación urbanística de Rubiá, Ángeles Vázquez, indicaba que mellorará a calidade de vida veciñal poñendo por unha banda en ordenación un importante número de edificacións xa existentes e pola outra, mantendo a morfoloxía actual do concello, que concentra na capital a maioría dos servizos e da actividade.

 

Casa do Concello de Rubiá.

 

De feito, no núcleo de Rubiá prevese completar a malla urbana de cara a garantir a súa integración co medio rural. Tendo isto en conta, delimítanse no PXOM os núcleos rurais atendendo á súa tipoloxía histórica ou común, coa intención de recoller as vivendas existentes e rematar os espazos intersticiais entre elas. Tamén se reserva exclusivamente a vivenda colectiva ao núcleo urbano, quedando o modelo unifamiliar para os solos restantes.

Tamén en materia de vivenda, no documento urbanístico determínase a capacidade máxima de uso residencial para as próximas dúas décadas, cunha previsión de crecemento de 599 vivendas novas. En canto ao sistema xeral de espazos libres e zonas verdes, no PXOM prevese a ampliación da contorna do campo de fútbol, considerada como o principal lugar de esparexemento da poboación municipal.

Neste sentido, o novo planeamento reserva case 64.000 m2 a este tipo de dotacións (un 24,6% máis do mínimo esixido po lei) e preto de 35.000 m2 ao sistema xeral de equipamentos comunitarios (o que supón duplicar a superficie obrigatoria).

En canto ás diferentes tipoloxías de solo, o estudo detallado do termo municipal pon de manifesto que o 98,4% do territorio de Rubiá é solo rústico, seguido polo solo de núcleo rural (1,05%) e o urbano (0,55%).

 

Artigos relacionados

Back to top button