En portadaÚltima hora

Medio Ambiente formalizará este ano a candidatura da Ribeira Sacra a reserva da biosfera

Esta proposta aglutina a un total de 23 concellos de Lugo e de Ourense cun alto valor paisaxístico e cultural en común, "unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais", segundo a administración galega

Pregue deitado de Campodola-Leixazós, no Xeoparque Montañas do Courel./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Continúan dándose pasos de cara a converter a Ribeira Sacra na sétima reserva da biosfera de Galicia. Neste martes 24 de setembro a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, aproveitado a súa asistencia en Madrid á vixésima reunión do Comité español do Programa MAB (Home e Biosfera) da Unesco,  comunicáballe  aos membros deste órgano de carácter consultivo que antes de que remate o ano a Xunta presentará oficialmente a candidatura.

A formalización da proposta da reserva da biosfera Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel producirase unha vez se conclúan os informes derivados do proceso de información pública, que se abriu o pasado 9 de agosto e xa está pechado. Este trámite, segundo a Xunta, avanza a bo ritmo polo que do Campo asegurou que “este mesmo ano” a Xunta presentará a candidatura ante a Secretaría do Comité español do Programa MAB, co obxectivo de obter a súa declaración definitiva no ano 2021.

Para a Xunta trátase dunha “proposta sólida, avalada por un gran consenso por parte dos distintos axentes implicados e que aglutina a un total de 23 concellos de Lugo e de Ourense cun alto valor paisaxístico e cultural en común, unidos pola súa aposta por un desenvolvemento sustentable baseado nas prácticas tradicionais”.

A zona proposta para a declaración inclúe en total a cinco da provincia de Ourense (Castro Caldelas, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Peroxa e A Teixeira) e a 18 concellos de Lugo (Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, A Pobra do Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela). Trátase dun territorio de excepcional valor en canto aos seus compoñentes ambientais, paisaxísticos e culturais, como demostra a súa recente declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) por parte do Consello da Xunta.

O documento que avala a candidatura foi sometido a información pública durante un mes, período no cal as persoas e entidades interesadas puideron facer as súas achegas ao texto orixinal. En total recibíronse dúas alegacións, que están a ser analizadas pola Consellería co fin de valorar posibles melloras ou modificacións.

Galicia conta nestes momentos con seis reservas da biosfera -un dos recoñecementos de carácter internacional máis importantes en relación coa conservación e o uso sustentable do patrimonio- que representan arredor do 25% do territorio da comunidade.

Coa incorporación da reserva da biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, a extensión protexida en Galicia baixo esta figura se incrementaría ata chegar ao 34% do territorio, de aí a importancia da candidatura para a preservación e o recoñecemento internacional do patrimonio natural da comunidade.

Ademais o pasado abril as Montañas do Courel obtiveron a declaración de Xeoparque, converténdose así no primeiro espazo natural con esta denominación en Galicia; e ademais, a Consellería de Cultura traballa xa nunha iniciativa para promover o recoñecemento da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial.

Artigos relacionados

Back to top button