OurenseÚltima hora

Medio Ambiente limpa 12 puntos de verquido controlado en Baños de Molgas

 O depósito inventariado localizouse nos lugares de Quintas, Pereiro, Outeiro, Corgas, A lampaza, Portela, martelo, Camiño do Viso, Amedo, Insua e O Penedo

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio inicia dende hoxe, 13 de novembro, os traballos para o selado de 12 puntos de verquido controlado no Concello de Baños de Molgas. Trátase dunha actuación incluída dentro dunha campaña do Goberno galego para erradicar máis de 65 puntos inventariados que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses do actual ano e no que van investir 400.000 euros.

Estes residuos foron localizados, segundo as informacións achegadas pola Xunta, nos lugares de Quintas, Pereiro, Outeiro, Corgas, A Lampaza, Portela, Martelo, Camiño do Viso, Amedo, Insua e O Penedo. Dende a Consellería aseguran que os materiais que se adoitan atopar nestes lugares consisten en obxectos domésticos, pequenas obras de edificación e urbanización, como vidro, plásticos, pneumáticos e mestura de residuos de construción.

Os traballos de acondicionamento consistirán na recollida, clasificación e retirada do material, na revexetación mediante o estendido de terra vexetal e hidrosementeira. O Goberno galego destina a esta actuación un importe de máis de 50.000 euros. A limpeza destes puntos permite minimizar e corrixir os impactos orixinados, logrando a integración do lugar co seu entorno e eliminar o hábito que na poboación existe de seguir depositando lixo nestes lugares.

Artigos relacionados

Back to top button