EconomíaEconomíaÚltima hora

Medio Ambiente redobrará os esforzos para controlar a poboación de xabarín

O obxectivo é paliar os posibles danos que ocasione esta especie silvestre, non só na agricultura, senón tamén na circulación viaria

Big wild boar walking in a green forest

 

A ausencia de actividade permitiu ao xabarín achegarse ata ás zonas poboadas durante o confinamento, indo pouco a pouco ganando terreo, por iso, o mesmo día en que unha veciña do Barco sufría un accidente de tráfico por culpa dunha femia que atravesaba a N-120 coas súas crías, a Consellería de Medio Ambiente, anunciaba que “redobrará os esforzos para controlar a poboación desta especie silvestre e, en consecuencia, paliar os posibles danos que ocasione, non só na agricultura, senón tamén na gandaría e na circulación viaria.

A conselleira, Ángeles Vázquez, trasladaba esta decisión aos catro xefes territoriais da Consellería, cos que mantivo unha reunión, na que os convidou a “tramitar as accións de caza que demanden o colectivo de cazadores, co fin de que esta medida reduza a presenza deste tipo de individuos”. Así, as Xefaturas territoriais manterán un contacto fluído e directo cos tecores galegos para determinar a idoneidade de organizar accións de caza controlada e actuar con rapidez.

 

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez.

 

Deste xeito, dende Medio Ambiente estableceuse unha instrución para “axilizar a autorización da realización de medidas de control ao xabaril, como medidas paliativa dos danos producidos por esta especie unha vez producida; medidas preventivas, para evitar danos recorrentes ou repetitivos; e excepcionais, para o control das poboacións de xabaril en determinados terreos”. Asemade, tamén lles solicitou que informen a agricultores e gandeiros da necesidade de que trasladen -a través do 012- todas as incidencias que se rexistren nas súas instalacións ou propiedades, coa finalidade de que se poidan tramitar e organizar accións de caza para evitar maiores danos e sobre todo para solicitar posibles axudas que compensen os danos ocasionados polo xabaril, agora que comeza a época de semente.

Artigos relacionados

Back to top button