DeportesÚltima hora

Medio Ambiente suspende a venda de permisos de pesca fluvial e permite a apertura de tendas de alimentación animal

O prazo para proceder a apertura de venda estará determinada polo levantamento das restricións establecidas para a xestión da crise sanitaria ocasionada polo Covid-19

 

Cumprindo coas medidas adoptadas pola Xunta con motivo da declaración do Estado de alarma, declarada polo Real Decreto 463/2020 do 14 de marzo, para a “xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19”, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu “suspender a venda de permisos de pesca fluvial”, tal como consta na páxina web da Consellería: https://pescafluvial.xunta.gal/

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural tamén quere trasladar que no momento en que se declare o levantamento das restricións establecidas, como consecuencia da declaración do estado de alarma, “volverase a habilitar novamente a posibilidade de acceder a súa venda”.

Asemade, a Consellería de Medio Ambiente tamén habilitará un procedemento para a devolución das taxas correspondentes aos permisos de pesca fluvial coincidentes coas datas de vixencia do presente estado de alarma. As taxas aboadas para a expedición dun permiso van desde os 2 euros para a pesca sen morte ata os 13 euros, para pesca de 1º categoría (valida para a captura de salmón e resto de especies).

Animais de compañía

 

Asemade, a Xunta de Galicia quere informar de como a declaración do Estado de alarma incide na tenza responsable de animais de compañía. Recórdase que poderán permanecer abertas as tendas de alimentación de animais, así como os servizos veterinarios. Asemade o persoal dos centros de acollida seguirá acudindo a alimentar e coidar dos animais que se atopen ingresados nun centro destas características e os técnicos dos centros de recuperación de fauna silvestre continuarán co desenvolvemento das súas funcións.

Tamén se recorda que só os propietarios sen síntomas poderán sacar aos seus cans a pasear, de xeito individual; co fin de que os cánidos poidan facer as súas necesidades. Non obstante, non será necesario limpar con ningunha sustancia desinfectante a zona defecada, tras a retirada da feces do can.

A información científica indica que os animais de compañía “non padecen nin transmiten o coronavirus”.

Artigos relacionados

Back to top button