DeportesÚltima hora

Medio centenar de deportistas e os seus cans participarán no “Barbacan” o 25 de febreiro

Unha proba deportiva enmarcada dentro da liga galega de canicross, bikejoring e patín
Adrián Varela, Pablo Rico e Victoria Morenza. // Foto: Carlos Asensio.

Os amantes dos cans e do deporte daranse cita en Barbadás este domingo -25 de febreiro- no “Barbacan”, a primeira edición do Mushing da liga galega de Mushing.

A presentación desta proba tivo lugar hoxe, 22 de febreiro, no Salón de Plenos desta localidade da man do concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e dos seus organizadores, Pablo Rico e Victoria Morenza.

O organizador, Pablo Rico, salientou que nesta xornada vanse disputar tres probas clasificatorias a nivel galego: Canicross, Bikejorking -que consiste en facer unha ruta en bicicleta cos cánidos- e a proba de Patín. Pero, ademais do deporte, este evento contará con relatorios informativos e o desfile de adopcións, que se fai en colaboración coas protectoras Alma (Asociación de Aullidos y Maullidos de Barbadás) e Progape.

Pablo Rico dixo que actualmente hai 52 participantes inscritos “que acudirán con unha ou máis mascotas”. En canto aos horarios, relatou que o control veterinario farase de 8:20 a 9:30 horas. Tras iso, farase unha charla informativa do circuíto e, finalmente, ás 10:00 horas darase a saída para as tres probas. Finalmente, ás 12:00 horas, será a carreira de relevos, a carreira popular e a proba infantil. A entrega de obsequios e medallas de participación farase cara ás dúas da tarde. O punto de encontro será na zona do Alto do Carpazal.

En canto ao percorrido, farase preto da estrada que une Moreiras e Mugares (Toén), en dirección a San Benito. “Un percorrido entre a natureza”, dixo o organizador, que asegurou que escolleu Barbadás para facer este evento deportivo “porque hai moi poucos lugares preto da cidade que reúna as condicións de natureza e montaña”.

Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Adrián Varela, manifestou a súa esperanza de que esta proba se converta “no referente galego de Mushing”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button